A presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur, ofrece un obradoiro de fotografía no Museo das Peregrinacións e de Santiago a vindeira semana

A actividade, que se complementa cunha conferencia os días 20 e 21 no marco das celebracións do Día Internacional dos Museos, así como da chegada a Compostela da mostra itinerante da Xunta e a Fundación “la Caixa” ‘Percorrer o tempo’

A maiores, co gallo da conmemoración haberá visitas contadas, un obradoiro familiar e espectáculo de narración oral e música a partir do mércores 18 e ata o domingo

O Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo Centro Gaiás deseñaron tamén unha programación especial para a vindeira semana, con percorridos guiados e outras propostas

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur, e a fotógrafa galega Carla Andrade impartirán a vindeira semana un obradoiro de fotografía e unha conferencia no Museo das Peregrinacións e de Santiago, no marco da chegada a Compostela da mostra itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación “la Caixa”. As actividades forman parte tamén da programación coa que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade conmemora neste espazo o Día Internacional dos Museos a partir do mércores 18. 

O obradoiro terá lugar na tarde do venres 20 e na mañá do sábado 21. Nel Olivia Arthur e Carla Andrade achegarán a súa metodoloxía e traxectoria profesional, ademais de traballar cos materiais dos participantes que queiran compartilo. Na primeira xornada haberá tamén unha conferencia na que ambas artistas exporán os seus traballos.

Con só 10 prazas dispoñibles, a participación no obradoiro require de inscrición a través do enderezo reservas.mdperegrinacions@xunta.gal. Na mensaxe cómpre indicar o nome, idade, profesión e unha breve explicación das motivacións para participar na actividade, así como o compromiso de permanecer nas dúas sesións. O acceso á conferencia é libre ata completar a cabida, previa confirmación de asistencia no teléfono 881 867 401.

Documental divulgativo, visitas e propostas familiares

O Museo das Peregrinacións e de Santiago arrinca a axenda do Día Internacional dos Museos na propia data conmemorativa, o mércores 18, coa estrea do documental divulgativo A Translatio, con pases continuos durante as mañás ata o venres. A narración percorre os lugares e acontecementos relatados no lendario sobre a chegada do corpo de Santiago Apóstolo ao definitivo enterramento no bosque do Libredón.

Ademais, ata o domingo haberá neste espazo visitas contadas ao museo en horario de mañá e de tarde, para convidar a reflexionar sobre o lema deste Día Internacional, O poder dos museos. A maiores, o mércores pola tarde terá lugar un espectáculo familiar con CÉ Orquestra Pantasma, que combina música e narración oral, e o domingo pola mañá, un obradoiro de torques castrexos, dirixido a público familiar e que require inscrición previa. A información para participar nas propostas pode consultarse na web do museo.

Programación especial no CGAC e no Gaiás

O Centro Galego de Arte Contemporánea ofrece tamén unha programación especial co gallo do Día Internacional dos Museos, que está dispoñible na súa web. A primeira das actividades terá lugar mañá sábado coa ruta O CGAC e outros fitos da arquitectura contemporánea compostelá, un percorrido guiado por espazos e edificios significativos da cidade. O domingo realizaranse visitas ás actuais exposicións: Wunderkammer, de Suso Fandiño; Buen Gobierno, de Sandra Gamarra Heshiki, e Cruzamentos na arte galega da Colección CGAC. Cun máximo de 25 prazas, non é precisa inscrición previa.

Durante a semana, o luns haberá unha sesión aberta do curso en liña Intrahistorias da Arquitectura IV. Activismo e territorio. César Manrique, dirixido por Fermín Blanco. O mércores 18 tamén se abrirá ao público o curso presencial de arte, cultura e historia A construción da modernidade: vangardas e posvangardas, con María Luísa Sobrino Manzanares. A sesión terá lugar no auditorio.

O xoves e o venres ofreceranse as visitas guiadas Como se fixo? A mostra Cruzamentos desde os almacéns ata as salas de exposición, con entrada libre e un máximo de 25 prazas. No percorrido participarán o director do CGAC, Santiago Olmo, e a comisaria da exposición, Sara Donoso, acompañados dos artistas Álvaro Negro e Chelo Matesanz, o primeiro día, e de Amaya González Reyes e Vítor Mejuto, o segundo. O peche da axenda conmemorativa porao o obradoiro para familias Unha viaxe ata Perú, que se desenvolverá nas mañás do sábado 21 e do domingo 22 e que require inscrición previa. 

Pola súa banda, o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura organiza tamén diversas visitas especiais a partir de mañá, con percorridos comentados para achegarse á arquitectura e a áreas restrinxidas deste espazo a través de Gaiás secreto e Baixo a pel do museo. A información sobre horarios e inscricións está dispoñible na súa web.

Data de actualización: 13/05/2022