A Xunta remata as obras de reforzo da seguridade viaria na estrada OU-112 en Laza, no treito coincidente coa Vía da Prata

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executou unha senda e reforzou a sinalización horizontal e vertical ao longo de algo máis de medio quilómetro

Os traballos súmanse aos realizados desde o pasado verán en distintos tramos da contorna do Camiño de Santiago co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos

Na Vía da Prata planificáronse 14 actuacións ao seu paso polos municipios de Laza, Sarreaus, Ourense, A Mezquita Piñor e Lalín, cun investimento próximo aos 225.000 €

As actuacións inclúense nas 70 intervencións que a Xunta desenvolve nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños
 

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

- A Xunta rematou as obras de reforzo da seguridade viaria na estrada OU-112 ao seu paso polo concello de Laza, no treito coincidente co Camiño da Vía da Prata, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

 

A intervención incluíu a execución dunha senda e o reforzo da sinalización horizontal e vertical ao longo de algo máis de medio quilómetro desta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 0+510 e 1+040.

Coas obras realizadas búscase reforzar a seguridade neste tramo da OU-112 que discorre paralelo ao Camiño de Santiago e que carece de beirarrúa.

 

Tamén se acondicionou o firme nese treito e dispúxose nova sinalización, incluíndo dispositivos reflectantes para a mellor visibilidade dos peóns e a minoración da velocidade dos vehículos.

 

Esta obra é unha das actuacións que a Xunta desenvolve nos treitos das vías autonómicas coincidentes coa traza da Vía da Prata para reforzar a seguridade viaria e favorecer o tránsito dos peregrinos. As actuacións neste Camiño acadan un investimento autonómico próximo aos 225.000 €.

Na Vía da Prata proxectáronse 14 actuacións, 13 delas na provincia de Ourense ao seu paso polos municipios de Laza, Sarreaus, Ourense, A Mezquita e Piñor, co fin de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nos cruzamentos ou treitos do Camiño coas estradas autonómicas.  

 

En concreto, ademais desta obra na estrada OU-112, leváronse a cabo nove actuacións en distintos puntos da OU-113, ao seu paso por Sarreaus e por Laza. Tamén se executaron actuacións na estrada OU- 105, en Ourense; na OU-311, na Mezquita, e na estrada OU-154 en Piñor. Inclúese, ademais, unha actuación na PO-902, no concello pontevedrés de Lalín.

 

Estas intervencións forman parte das 70 que a Xunta executa nas vías autonómicas de toda Galicia para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.

O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/05/2022