A Xunta colabora coa comunidade de augas de Vilaboa con diversas melloras nos depósitos de augas

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, as actuacións levadas a cabo a través das axudas do Goberno galego

Natalia Prieto lembrou que a Xunta incrementou o orzamento da orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria nun 20%, ata acadar os 3M€

Compartir
  • whatsapp

Vilaboa (Pontevedra), 13 de maio de 2022.- A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, comprobou hoxe as melloras levadas a cabo na comunidade de usuarios de augas de Vilaboa, que contaron cunha axuda de preto de 14.000 euros ao abeiro das axudas da orde de veciños.

Segundo explicou a directora xeral, segundo lle trasladaron os veciños, o obxectivo principal da comunidade de usuarios é garantir auga de calidade de maneira eficiente e económica, polo que precisaron levar a cabo diferentes melloras como o forrado dun vaso do depósito para evitar as perdas e manter a calidade da auga, a instalación de control de calidade telemático en depósito, a instalación de válvula de enchido para evitar que o depósito cando esté cheo entre auga e teñamos vaia polo rebosadeiro auga clorada, mellorando a eficiencia da comunidade

Natalia Prieto lembrou que a orde de acción comunitaria incrementou este ano o seu orzamento nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros. A mellora encádrase na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega. O ano pasado concedéronse 2,5 millóns de euros a asociacións de veciños, de mulleres rurais e comunidades de usuarios de auga da comunidade galega, dos que máis de 1,2 millóns de euros se destinaron a entidades da provincia de Pontevedra. 

 

A orde de subvencións para este ano inclúese no plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

 

Os investimentos van destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e a compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/05/2022