A Xunta destaca a importancia da diversificación do turismo galego para afrontar a estacionalidade

A directora de Turismo de Galicia impartiu hoxe unha conferencia na Facultade de Turismo da Universidade da Coruña

A Coruña, 13 maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, impartiu hoxe na Coruña unha conferencia na Facultade de Turismo da Coruña na que destacou a importancia do sector turístico na economía galega, que segundo manifestou, “representa o 10,4% do total do noso PIB e o 11% do empleo xerado en Galicia”.

Nava Castro explicoulles aos alumnos do cuarto curso do dobre grao de Ciencias Empresariais e Turismo, o traballo que desenvolve a Axencia Turismo de Galicia no ámbito da promoción e ordenación turísticas así como os plans de actuación que se levan a cabo no eido da Administración autonómica

Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, destacou que a Comunidade galega, neste Ano Xacobeo tan especial, está en auxe, como confirman os últimos datos acadados durante a Semana Santa, xa que a ocupación hoteleira media estivo arredor do 80%.

Neste sentido, Nava Castro referiuse tamén á evolución do Camiño de Santiago en 2022, onde xa se rexistraron 50.000 peregrinos que recibiron a compostela desde o comezo deste ano, o que supón máis que todos os rexistrados no ano 2020.

Oferta diversificada

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia, destacou a diversidade da oferta turística galega e a diversificación dos seus produtos como elementos imprescindibles para afrontar a estacionalidade da actividade.

E así, Nava Castro explicou que a desestacionalización e a sustentabilidade do turismo en Galicia son dous dos obxectivos marcados como eixos de actuación da Xunta de Galicia, que aposta por un turismo máis aberto, sen masificacións e que ten nos recursos naturais, culturais e gastronómicos, así como no Camiño de Santiago o seu potencial máis importante.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/05/2022