A Xunta dá a coñecer os 40 creadores emerxentes seleccionados para participar en agosto no Gaiás no ‘XII Encontro de Artistas Novos’

Presentarán o seu proxecto creativo durante unha residencia artística na Cidade da Cultura, optando ademais a realizar unha intervención nas Torres Hejduk

Baixo a dirección de Rafael Doctor, o ‘#EAN12’ ofrece a oportunidade de aprender de artistas consolidados como Ana Esmith, coñecida polo seu ‘alter ego’ Miss Beige, os artistas visuais Beatriz Lobo e Miguel Scheroff e o fotógrafo Tono Arias

Coincidindo coa celebración do encontro presentarase ademais unha publicación conmemorativa dos seus 12 anos de traxectoria, incluíndo un perfil dos preto de 700 creadores que participaron nesta iniciativa
 

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Cultura, Educación e Universidad da a coñecer os nomes dos 40 creadores emerxentes que foron seleccionadas para participar no seu XII Encontro de Artistas Novos, #EAN12. Nesta residencia artística no Gaiás –que terá lugar entre o 28 de agosto e o 1 de setembro– poderán presentar o seu proxecto creativo, así como intercambiar experiencias profesionais con outros artistas emerxentes e consolidados, comisarios ou prensa especializada.

 

Impulsado pola Xunta, o Encontro de Artistas Novos promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento. Nas pasadas 11 edicións presentaron os seus traballos no EAN arredor de 700 creadores, entre eles recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell, que naquel momento comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

 

Coincidindo con esta edición, e para poñer en valor a traxectoria dun dos foros máis consolidados de apoio a artistas emerxentes, presentarase unha publicación conmemorativa do Encontro, que percorre a súa historia desde a primeira edición e revisita o traballo dos creadores que participaron nas diferentes edicións desde o seu arranque en 2011.

 

Tamén con ese obxectivo, este ano regresan ao encontro como relatores tres artistas que participaran en anteriores edicións cando daban os seus primeiros pasos no mundo da arte. Trátase de Ana Esmith, que co seu alter ego Miss Beige se converteu nun dos nomes máis coñecidos da performance nos últimos anos, e os artistas visuais Beatriz Lobo e Miguel Scheroff. Completan os relatores desta edición o fotógrafo Tono Arias e o comunicador Rubén D. Alves como convidado especial.

 

40 seleccionados

Para participar no #EAN12 concorreron un total de 275 candidaturas de creadores e creadoras emerxentes de todas as disciplinas artísticas para as 40 prazas ofertadas. A listaxe provisional de persoas seleccionadas –a metade das cales proceden de Galicia– pode consultarse xa na web da Cidade da Cultura de Galicia. Tal e como se indica nas bases, as persoas candidatas deberán confirmar a súa praza antes do 19 de maio.

 

O xurado do Encontro, dirixido por Rafael Doctor, destacou especialmente a “elevada calidade e variedade dos proxectos presentados, que fixeron moi complicada a escolla das persoas seleccionadas”, sendo ademais a edición con maior concorrencia das celebradas nos últimos anos.

 

Intervención artística

O programa complétase coa oportunidade de realizar unha intervención artística efémera nas Torres Hejduk, unha iniciativa coa que a Cidade da Cultura amosa a súa aposta polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional. En anteriores edicións desta convocatoria, artistas como Félix Fernández, Miguel Ángel Benjumea, Román Corbato, Freddy Solano, Francisco Ramallo, Ana Núñez Rodríguez ou Sebastián Sandoval Quimbayo exploraron as posibilidades artísticas e arquitectónicas das Hejduk, converténdoas nun arquivo sonoro da memoria, un faro xacobeo, un espazo de xogos ou descubrindo a terceira torre no baleiro entre ambas as dúas construcións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/05/2022