O IV Concurso de Podcasts 'Radio na biblio' premia o traballo de centros de Cedeira, Malpica, A Guarda, Vigo e A Coruña polo Día das Letras Galegas

O certame, impulsado pola Xunta, dedícase cada ano á persoa homenaxeada con motivo Día das Letras Galegas, neste caso a Florencio Delgado Gurriarán

Os programas radiofónicos serán emitidos pola Radio Galega e serán difundidos a través da súa páxina web e da canle dixital do Diario Cultural

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Radio Galega, vén de premiar o traballo de centros de Cedeira, Malpica, A Guarda, Vigo e A Coruña no o IV Concurso de Podcasts Radio na biblio, que este ano se centra na figura do poeta, articulista, tradutor, editor, activista cultural e político no exilio Florencio Delgado Gurriarán. O obxectivo do certame é estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias, a elaboración de produtos radiofónicos en galego, reforzar a lectura de poesía nesta lingua ou o achegamento ao mundo da edición, da tradución e da cultura galega en América.

 

O certame consta de catro modalidades, segundo o nivel do ensino (Infantil e primeiro ciclo de Primaria, resto de Primaria, ESO e unha cuarta para Bacharelato, ensinanzas de persoas adultas ou ciclos formativos). Os traballos premiados, cada un deles cunha asignación de 1.000€, en cada unha delas son os seguintes:

 
 
Modalidade
Definición
Centro
Concello
Provincia
Podcast
I
Infantil e 1º/2º de Primaria
CEIP Nicolás del Río
Cedeira
A Coruña

Poemas crioulos

II
3º a 6º de Primaria
CEIP Milladoiro
Malpica de Bergantiños
A Coruña

Unha regueifa a Don Florencio

CEIP As Solanas- Nicolás Gutiérrrez Campo

A Guarda
Pontevedra
A treboada de Corgomófilo

CEIP Manuel Rodríguez Sinde

A Guarda
Pontevedra
De volta en volta
CEP Dr. Fleming
Vigo
Pontevedra
A hora de Galicia
III
ESO
IES P. Rafael Dieste
A Coruña
A Coruña

A heroica vida de Florencio

IV
Bacharelato, ensinanza de Persoas Adultas ou FP
EOI da Coruña
A Coruña
A Coruña

Choiva ou pluie – Florencio Delgado Gurriarán

CEE Saladino Cortizo
Vigo
Pontevedra

Domadora de serpes

 
 

Os equipos galardoados poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela. Os traballos premiados serán emitidos por esta emisora e serán difundidos a través da súa páxina web e da canle dixital do Diario Cultural.

Puideron participar neste concurso os 138 centros públicos participantes no programa Radio na Biblio, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como outros centros que traballan xa co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica. Nesta cuarta edición do certame participaron 70 centros educativos que enviaron 105 traballos.

O certame enmárcase no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021/2025 de Bibliotecas Escolares, que contempla o reforzo dos programas que inciden na formación do alumnado no seu acceso aos medios de comunicación, como é o caso, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/05/2022