O conselleiro do Medio Rural en funcións, acompañado polos directores xerais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e de Defensa do Monte, reuniuse co alcalde

A Xunta e o concello de Castro de Rei constatan o avance nos procesos de reestruturación parcelaria de Viladonga e Triabá

No caso de Viladonga, confirmóuselle ao rexedor que nas próximas semanas se contratará a redacción das bases, mentres no caso de Triabá se está traballando no proxecto da rede principal de camiños

No encontro tamén se tratou a colaboración entre ambas administracións de cara á anticipación aos incendios forestais
 

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Xunta e o Concello de Castro de Rei veñen de constatar avances nos procesos de reestruturación parcelaria abertos neste municipio lugués. Foi nun encontro que mantivo o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado pola directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, co alcalde da localidade, Francisco J. Balado.

 

Así, na reunión confirmóuselle ao rexedor que nas próximas semanas se contratará a elaboración das bases no caso do proceso de Viladonga, para identificar os propietarios  e parcelas implicadas. Decretada o ano pasado, cabe sinalar que esta parcelaria abrangue unha superficie de 632 hectáreas.  

 

Canto á reestruturación de Triabá tamén activa, o conselleiro en funcións apuntou que actualmente se está a traballar no proxecto da rede principal de camiños, para adecualo ao estudo hidrolóxico solicitado pola Confederación Hidrográfica Miño Sil. Neste caso, a concentración afecta a unha superficie de 1.163 hectáreas, distribuídas nun total de 3.144 parcelas de 555 propietarios.

 

No encontro, tamén se tratou a anticipación aos incendios forestais e a prioritaria colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Castro de Rei para protexer as persoas e bens deste municipio lucense fronte ao lume. Nesa liña, cabe lembrar que o consistorio está adherido desde o 2018 ao convenio de protección das aldeas subscrito entre a Xunta, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga e ao que xa están incorporados un total de 273 concellos galegos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/05/2022