A Xunta e o concello de Vilarmaior reforzan a súa colaboración para a mellora das infraestruturas rurais e a prevención de incendios forestais

O alcalde deste municipio coruñés foi recibido en San Caetano polo conselleiro do Medio Rural en funcións, nunha xuntanza na que tamén participaron os directores xerais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e de Defensa do Monte

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado polos directores xerais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, reuniuse co alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez.

 

No encontro avaliáronse as diferentes posibilidades de colaboración entre a Xunta e o Concello en materia de mellora das infraestruturas rurais neste municipio coruñés. Así, abordáronse diversas vías de cooperación neste sentido, centradas tanto no impulso á mobilidade e á conectividade en vías municipais como á humanización de instalacións xa existentes, con vistas a favorecer a calidade de vida no seu rural.

 

Ademais, tamén se avanzou no traballo conxunto de prevención e defensa contra incendios forestais, centrado na participación municipal nestas tarefas, tanto no que atinxe ao axeitado mantemento da biomasa como a labores de apoio á extinción, en caso necesario.

 

Neste sentido, os responsables da Consellería e o rexedor municipal puxeron en valor o feito de que este concello estea adherido dende o ano 2019 ao convenio de protección das aldeas, que teñen subscrito a Xunta, a empresa pública Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Este acordo, asinado xa por 273 municipios da comunidade, mantén o sistema público galego de xestión da biomasa en áreas próximas ás vivendas e facilita o marco de colaboración institucional necesario para a defensa das persoas e dos bens fronte o lume.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 14/05/2022