A Xunta promoverá un pacto autonómico no Parlamento de Galicia para desenvolver o Plan de Obesidade Zero

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, destaca o nivel de participación e de consenso do documento, o cal recibiu achegas dos eidos sanitario, social, político, científico, empresarial e de innovación

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, aposta por educar dende as escolas en saúde sobre a base do consumo de produtos do mar e mellorar a cultura alimenticia de Galicia

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2022.- O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, sinalou que a Xunta promoverá un pacto autonómico no Parlamento de Galicia para desenvolver o Plan de Obesidade Zero 2022-2030. O titular da carteira sanitaria do Executivo galego participou hoxe, no Palacio de Congresos e Exposicións da capital de Galicia, xunto coa conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, na presentación do Plan, que correu a cargo da directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo.

Tal e como sinalou García Comesaña, o plan ten o obxectivo de reducir o sobrepeso nun 15% da poboación galega no 2030, isto é que 189.000 galegos deixen de ter sobrepeso ou obesidade. Trátase dun horizonte temporal con metas intermedias, avaliación e seguimento continuo das accións que se propoñen.

O titular da carteira sanitaria destacou o nivel de participación e de consenso do plan, que recibiu achegas dos eidos sanitario, social, político, científico, empresarial e de innovación. Ademais, deu as grazas a todas as persoas que contribuíron a que este Plan sexa unha realidade, como son as preto de 48.000 galegas e galegos que participaron na enquisa sobre a percepción da sociedade sobre o sobrepeso e a obesidade. Por tanto, participación e consenso foi sobre o que pilotou a fase de deseño do documento, remarcou o máximo responsable sanitario.

O Plan, que inclúe iniciativas a curto, medio e longo prazo, Sanidade o quere poñer en práctica, -dixo o conselleiro-, dende unha perspectiva positiva, reforzando os beneficios que ten o apostar por un estilo de vida saudable; e, para que estas prácticas se asenten na cidadanía, débese incidir na información, a formación e a modificación das contornas.

García Comesaña remarcou que a Consellería de Sanidade ten que ser a primeira promotora de saúde e, dende hai anos, está a poñer en marcha medidas para o fomento de hábitos de vida saudables, entre os que citou Praias sen Fume ou Xente con Vida, e tamén está a traballar na promoción da saúde na contorna laboral e no ámbito comunitario

Decisións máis saudables

Pola súa parte, a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, subliñou que o seu departamento contribúe ao desenvolvemento do Plan Obesidade Zero convertendo as contornas sociais en promotoras da saúde e capacitando aos consumidores para a toma de decisións máis saudables. Nesta liña, apostou por educar desde as escolas en saúde sobre a base do consumo de produtos do mar e mellorar a cultura alimenticia de Galicia.

Neste sentido, lembrou que a Consellería do Mar puxo en marcha hai máis dunha década as campañas O sabor da aventura está no mar -agora denominada Ti si que es un bo peixe-, destinada a fomentar o consumo de produtos da pesca e da acuicultura entre os escolares de 3 a 14 anos, e Ponlle as pilas ao teu bocata -desde 2020 Fai click ao teu bocata-, para promover o consumo das conservas de produtos do mar entre as nenas e nenos de 5 a 16 anos. Estas dúas iniciativas contribuíron a achegar os peixes e mariscos a arredor de 170.000 rapazas e rapaces galegos.

Rosa Quintana tamén destacou o labor desenvolvido coa acción Vai de peixe para difundir as bondades dos produtos do mar entre a xente nova. Esta campaña, iniciada en 2019 e que a Xunta relanzou a semana pasada, está dirixida ás mozas e mozos de 18 a 35 anos -os coñecidos como millennials- e céntrase nas redes sociais e nos medios dixitais. Neles distintos persoeiros públicos (influencers) mostran as características nutricionais dos produtos do mar, as ferramentas necesarias para poder diferencialos e facilítanlles receitas de fácil preparación así como consellos nutricionais para practicar bos hábitos alimenticios.

Eixos do plan

O Plan que hoxe presentou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, estrutúrase en tres eixos estratéxicos, e dentro de cada un defínense os obxectivos para alcanzar, que son un total de 11, e as accións a executar para a súa consecución, un total de 40. Respóndese, ademais, ao cumprimento das normativas e estratexias específicas para a prevención da obesidade e o sobrepeso, tanto a nivel nacional como europeo.

Esta iniciativa do Goberno galego baséase en tres premisas, que a contorna ten gran influencia sobre o comportamento, que unha persoa informada é a que toma decisións razoadas e que unha resposta óptima conleva o traballo conxunto e complementario de todos os axentes implicados.

Ademais, o Plan propón actuar promovendo os factores protectores fronte ao sobrepeso e a obesidade, a alimentación equilibrada, a actividade física regular e evitar o sedentarismo.

Sinalar que no acto de hoxe interviñeron, tamén, nunha mesa redonda moderada polo xerente de Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, representantes doutros departamentos da Xunta directamente implicados no Plan, como o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila; e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, Cristina Pichel Toimil.

O secretario xeral para o Deporte destacou a importancia da “colaboración de todas as administracións para achar unha solución global ante o complexo problema da obesidade”. Neste sentido, enumerou algunhas das medidas levadas a cabo pola Secretaría Xeral para o Deporte que, ao abeiro do Plan Galicia Saudable ideado en 2011, desenvolve a plataforma DAFIS que recolle os datos antropométricos de 22.000 nenos e nenas para toda Galicia co obxectivo de poñelos en coñecemento dos pediatras e dos seus profesores de Educación Física.

Ademais, tamén destacou o programa ‘Adestra a túa saúde’, baixo o que se crearán 22 novas unidades de prescrición de exercicio dirixidas, principalmente, a maiores de 60 anos. “Os últimos estudos, realizados tamén man a man con DAFIS e Sanidade, móstrannos que, por unha banda, a prevalencia de obesidade aumentou no primeiro ano de pandemia, pero tamén que os nenos que fan deporte presentan un mellor estado de saúde. Polo tanto, parece evidente que a inactividade provoca obesidade e que a obesidade provoca a enfermidade”, salientou. Así, subliñou o plan de Obesidade Zero para Galicia como outro “fito necesario na loita do Goberno galego contra esta lacra”.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 13/05/2022