A Xunta duplicou no último lustro o número de obras e editoras beneficiarias das axudas á tradución

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, fai balance no Parlamento dos apoios ao libro este ano supón unha inxección de máis de 2M€

Recorda que vén de abrirse a nova convocatoria que favorece que as obras galegas se editen noutras linguas ao tempo que se fomenta a publicación en galego de obras escritas noutras linguas
 

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, fixo balance hoxe no Parlamento da política de axudas ao libro e ao mercado literario galego dirixidas á tradución que, como indicou, supón este ano unha inxección de máis de 2M€ no sector nos últimos dous anos e que segue a senda de crecemento ao terse duplicado no último lustro o número de obras traducidas e aumentar o número de editoras beneficiarias.

 

“A política activa de fomento da produción de traducións directas e inversas, sempre en colaboración co sector editorial galego e coas editoras de fóra que se animan a obter financiamento público galego, foi moi positiva desde a súa posta en marcha”, expresou. Neste sentido, sinalou que mentres no ano 2006 o número de obras traducidas foi de 60, o ano pasado alcanzouse a cifra de 132 e beneficiáronse 32 editorias, fronte as 20 de hai cinco anos.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou que os resultados das convocatorias ao longo destes últimos anos “mostran o moito que a tradución achegou ao acervo literario en galego e ao coñecemento da creación literaria galega noutras línguas”. Para dar continuidade a estas accións, recordou que a Xunta vén de abrir a nova convocatoria cun orzamento de 200.000 euros, que se enmarcan nas políticas de apoio para o libro galego. Este ano contan cun orzamento global de máis de 2 millóns de euros para impulsar a súa proxección exterior, a participación en feiras especializadas, adquisición de novidades editoriais ou campañas de dinamización da lectura, entre outras accións.

 

Internacionalización de autores

O Goberno autonómico axuda nos custos da tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital apoiando deste xeito o libro e o mercado literario galego, tanto para internacionalizar as obras de autores galegos ao facilitar que se traduzan a outras linguas, como para fomentar a lectura en galego, ao facer posible que obras noutros idiomas podan lerse en lingua galega.  

Deste xeito, e como publica no Diario Oficial de Galicia (DOG), sufráganse total ou parcialmente os custos de tradución da obra literaria, dos que se aboarán un máximo do 90%. Poderán ser beneficiarias das subvencións aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na orde de convocatoria. As solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Excepcionalmente, no caso de editoriais estranxeiras que non dispoñan de me­canismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta, poderán presentar a solicitude de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

 

Prazo ata o 9 de xuño

As axudas, que poderán solicitarse ata o 9 de xuño, outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e entre os criterios de valoración para a concesión das axudas figuran o interese cultural da obra, en función de se o orixinal é dun autor galego, doutras comunidades autónomas ou doutros países,  a traxectoria profesional da persoa que realizará a tradución, a extensión da tradución e as características da mesma (se se trata doutras linguas ao galego, viceversa e se son obras dun autor clásico ou non).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/05/2022