A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, informou do novo concurso no encontro informativo que mantivo esta mañá coa Asociación de Construtores de Pontevedra

A Xunta licita as obras de saneamento na contorna do río Lameira en Marín, que suporán un investimento de 3,3 M€

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación desta intervención, cun prazo de presentación de ofertas que rematará o vindeiro 14 de xuño

O obxectivo é mellorar a rede de saneamento da zona do río Lameira, renovando o colector nunha lonxitude de 1.600 metros, desde a PO-313, en Coirados, ata a ponte Zapal, no casco urbano, a partir de onde o río vai canalizado ata a desembocadura

Pontevedra, 13 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Xunta licitou hoxe as obras de saneamento na contorna do río Lameira, en Marín, que suporán un investimento de máis de 3,3 millóns de euros.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, así o comunicou no encontro informativo que mantivo esta mañá coa Asociación de Construtores de Pontevedra, onde detallou a contratación desta actuación.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación da intervención, cun prazo de presentación de ofertas que rematará o vindeiro 14 de xuño.

 

As obras enmárcanse nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta, que achegará o 80% do orzamento e o Concello de Marín que aportará o 20% restante.

 

Trátase de mellorar a rede de saneamento da zona do río Lameira, renovando o colector nunha lonxitude de 1.600 metros, desde a súa orixe na estrada PO-313, en Coirados, ata a ponte Zapal, no casco urbano, a partir de onde o río vai canalizado ata a desembocadura.

 

Os traballos recollen a mellora da estación de bombeo do río, situada no punto baixo o sistema de saneamento e que presenta deficiencias hidráulicas, que orixinan frecuentes alivios ao medio, e de explotación pola ausencia de equipos para a xestión eficiente.

 

Ademais, o proxecto abrangue a mellora ambiental do río Lameira en toda a súa lonxitude, degradado pola existencia de residuos ou a invasión de maleza. Acometeranse un acceso polo bordo exterior da zona de servidume, así como intervencións para eliminar obstáculos, reconstruír muros e retranquear peches.

 

Esta actuación, xunto con outras como a mellora da depuradora dos Praceres ou a actual construción do emisario submarino, o bombeo de Cocheras ou o saneamento da Seca e do porto de Campelo en Poio, enmárcase no Plan de saneamento da ría de Pontevedra, que suma un investimento da Xunta de preto de 50 millóns de euros.

 

Cómpre lembrar que a execución do emisario, cun investimento de 12 millóns de euros, continúa avanzando co remate da perforación do túnel; e a mellora na depuradora, cun orzamento de 16,5 millóns, xa amosa resultados satisfactorios das augas tratadas polas instalacións, que se atopan na fase final de posta en marcha e de probas, que se prevé culminar no verán.

 
Aposta por Pontevedra

Ethel Vázquez puxo en valor a aposta da Xunta pola cidade de Pontevedra, co impulso de actuacións estratéxicas como o hospital público Gran Montecelo, cuxa execución continúa avanzando e mobilizará un investimento autonómico global de 155 millóns de euros.

 

A Xunta continúa traballando no reforzo da sanidade pública, polo que a conselleira referiuse tamén a outras intervencións na provincia neste eido, como o Centro Integral de Saúde de Lalín, cuxa execución segue progresando para pór á disposición da comarca do Deza un equipamento de primeiro nivel que contará cun orzamento de 9 millóns de euros; ou o Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia de Vigo, que busca mellorar a atención sanitaria de máis de 40.000 veciños de Vigo, no barrio das Travesas, aproveitando o traslado da actividade dos xulgados á Cidade da Xustiza.

 

A execución de infraestruturas viarias é outro piar fundamental do Goberno galego para acadar o a vertebración do territorio, aumentar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade dos cidadáns. Neste sentido, Ethel Vázquez citou a execución da vía de alta capacidade Tui-A Guarda, entre o enlace coa A-55 e o polígono de Areas, que supón un investimento autonómico de 21,2 millóns de euros.

 

Tamén se referiu a actuacións transformadoras que a Xunta vai impulsar nas cidades de Pontevedra e de Vigo a través dos fondos Next Generation de Mobilidade, como a reforma integral da estrada vella de Marín, a PO-546; ou a que está a promover en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo, para a humanización e recuperación do bordo litoral, para devolverlle aos cidadáns un espazo da cidade.

 

No eido do transporte público aludiu á marcha das obras das estacións de autobuses intermodais que a Xunta está a ultimar tanto en Vigo como en Pontevedra. A previsión é que neste mes a Xunta culmine o investimento de 18 M€ na estación de autobuses intermodal, que se porá en servizo cando o Concello de Vigo remate os accesos, que levan retraso. En canto á de Pontevedra, a Xunta segue a avanzar nos traballos da reforma da estación co obxectivo de rematalos canto antes, a finais da primavera.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/05/2022