Rosa Quintana enxalza a figura de Carmen Castiñeira, ‘A Vixa’, por toda unha vida dedicada ao mar e a Afripex por premiar ás grandes mulleres do sector de Galicia

Compartir
  • whatsapp

Brión (A Coruña), 13 de maio de 2022.- A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, enxalzou hoxe a figura de Carmen Castiñeira, A Vixa, por toda unha vida dedicada ao mar e por ser capaz de reconverter a empresa familiar, Francisco Muñiz e Hijos -coñecida pola súa marca comercial Vixa-, impulsando o seu crecemento e expansión internacional ata estar presente en máis de 20 países. Esa foi a traxectoria que a fixo merecedora do

I Premio Afripex Muller Salientable do Sector do Mar, un galardón co que a Asociación de Frigoríficos de Pesca Extractiva (Afripex) recoñece de xeito oficial o papel que desenvolven as mulleres no sector do frigorífico e da elaboración e comercialización dos produtos conxelados derivados da pesca extractiva.

 

A  representante do Executivo autonómico felicitou á homenaxeada e aos seus achegados -que recolleron o premio no seu nome- e definiuna como unha muller feita a si mesma nun sector onde a presenza masculina sempre foi maioritaria. “Hoxe o premio é para ela pero o recoñecemento é para todas as mulleres loitadoras, perseverantes e valentes que deron un paso adiante polas súas familias, por elas mesmas e por Galicia”, subliñou Rosa Quintana. A titular de Mar en funcións tamén agradeceu a Afripex a posta en marcha deste galardón, unha iniciativa que, tal e como apuntou, contribúe a seguir poñendo rostro, nome e apelidos ás grandes mulleres do mar de Galicia.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 13/05/2022