A Xunta anima ao concello de Cualedro a solicitar as axudas para construír un punto limpo fixo

Ángeles Vázquez subliña que a orde, convocada a semana pasada, prevé subvencións de ata 300.000 € para dotar destas instalacións a municipios que aínda non as teñen

A agrupación de concellos Monterrei-Cualedro recibiu tamén unha axuda autonómica no ano 2019 para a adquisición dun punto limpo móbil de uso compartido
 

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia anima ao concello de Cualedro a aproveitar a nova liña autonómica de axudas convocada a semana pasada para construír un punto limpo fixo co que poder dar servizo a este municipio e tamén aos limítrofes de Monterrei e Trasmiras.

 

Así llo trasladou a conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde, Luciano Rivero, no marco dunha reunión de traballo que mantiveron recentemente para abordar a xestión dos residuos no seu termo municipal.

 

En concreto, a responsable autonómica explicoulle que o seu departamento acaba de sacar unha orde de subvencións para construír novos puntos limpos ou mellorar os xa existentes, dotada dun orzamento de 1,75 millóns de euros e dirixida ás entidades locais.

 

O prazo para a presentación das solicitudes abriuse o pasado 6 de maio e os concellos interesados poden acollerse a calquera das dúas liñas diferenciadas previstas na orde. No caso de Cualedro, a conselleira indicou que a máis axeitada sería a primeira, á que se reserva unha partida de 1,56 millóns de euros e que está dirixida a financiar a construción de puntos limpos en municipios que non o teñen, con axudas que poden chegar ata os 300.000 euros —cun límite do 90% do custo da actuación—.

 

Ademais e tendo en conta que o rexedor lle trasladou a súa intención de promover esta instalación xunto cos concellos veciños de Monterrei e Trasmiras, a conselleira confirmoulle a posibilidade de pedir a axuda como agrupación de municipios.

 

De feito, cómpre lembrar que os concellos de Cualedro e Monterrei xa lograran unha subvención conxunta no ano 2019 para a adquisición dun punto limpo móbil. En concreto, concedéuselles unha axuda de 14.024,38 euros que destinaron a mercar un remolque con 8 compartimentos para a recollida de residuos especiais de orixe doméstica como lámpadas, pilas e baterías, cartuchos de impresora ou pequenos electrodomésticos.

 

Neste sentido, a construción dun punto limpo fixo na zona viría reforzar e complementar o servizo que xa se presta na actualidade a través desta instalación itinerante e compartida entre ambos municipios.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/05/2022