Visitas guiadas, obradoiros e música enchen os museos da Xunta co gallo do seu día internacional

Todos os centros ofrecen programacións especiais dirixidas tanto ao público escolar e familiar como ao conxunto da cidadanía, que se poden consultar nas respectivas webs e redes sociais

Santiago de Compostela, 15 de maio do 2022
Compartir
  • whatsapp

Os espazos museísticos xestionados pola Xunta de Galicia celebran o Día Internacional dos Museos, o mércores 18, cunha ampla programación que inclúe visitas guiadas, obradoiros e música, entre outras propostas dirixidas a todos os públicos. A meirande parte da actividade comeza o propio mércores e prolóngase ata a vindeira fin de semana, co gallo da Noite dos Museos. A axenda pode consultarse nas respectivas webs e redes sociais dos centros, espallados por todo o territorio galego e na axenda de Cultura de Galicia.

 

Así, en Santiago de Compostela, o Museo das Peregrinacións e de Santiago exhibirá o documental divulgativo A Translatio e ofrecerá visitas contadas, un espectáculo musical e un obradoiro familiar. Tamén acollerá un obradoiro e unha conferencia a cargo da presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur e a artista galega Carla Andrade, que terán lugar no marco da exposición Percorrer o Tempo, que se vai inaugurar o vindeiro venres en Santiago. Pola súa banda, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) organizou ao longo da semana percorridos guiados, un obradoiro familiar e sesións abertas dos cursos que está a impartir.

 

As visitas guiadas especiais serán as protagonistas no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia. A través de Baixo pel do museo e Gaiás secreto, o público poderá achegarse a zonas restrinxidas das instalacións. Canto ao Museo Camilo José Cela, situado no concello coruñés de Padrón, centra a programación no propio mércores co espectáculo de narración oral Tertulias clandestinas con Camila Trulock Bertorini.

 

Portas abertas e visitas musicadas na Coruña

Na cidade da Coruña, o Museo de Belas Artes celebra este día internacional o mércores cunha xornada de portas abertas e visitas musicadas. O sábado 21, coa Noite dos Museos, haberá un horario especial de apertura, ata as 23,00 horas, ademais de obradoiros familiares, novas visitas musicadas e un concerto de soul. Pola súa banda, o Museo do Castro de Viladonga, no concello lucense de Castro de Rei, acolle o mércores un espectáculo que combina teatro, danza e música, dirixido a escolares da contorna. O sábado haberá xogos tradicionais, música e baile para todos os públicos.

 

Na provincia de Ourense, o Museo Arqueolóxico Provincial concentra a celebración nunha intensa oferta de visitas guiadas ás súas instalacións e salas de exposición na xornada do mércores. Haberá ademais obradoiros para escolares, que terán lugar tamén no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, en San Cibrán de Las. En Ribadavia, o Museo Etnolóxico programa diversas actividades conmemorativas, como obradoiros, percorridos ou intercambios culturais, coa participación de centros de ensino e doutras institucións. O broche porano a fin de semana a exhibición dun documental, o sábado 21, e un concerto, o domingo 22. Nesta mesma localidade, o Museo do Viño realizará tamén un obradoiro escolar e actividades divulgativas nas súas redes sociais.

 

O medio mariño, protagonista en Vigo e Bueu

Na cidade de Vigo, o Museo do Mar de Galicia arrincou a programación conmemorativa coa inauguración da exposición Ons soa o pasado venres. A celebración continúa o mércores, cunha xornada de portas abertas, e na fin de semana, con visitas temáticas ao acuario. Ademais, abrirase a mostra O Camiño portugués. Lembranzas de mar e pedra e haberá unha charla sobre as áreas mariñas protexidas, co caso das Illas Cíes.

 

O medio mariño protagoniza tamén a actividade do Museo Massó, no concello pontevedrés de Bueu, que está a ofrecer ao longo de todo o mes visitas guiadas ao público que se achegue ás súas instalacións os domingos. Como peche, para a fin de semana que vén organízase o obradoiro didáctico O sal do mar, que se complementa cunha visita guiada á antiga fábrica de salga de Mourisca.

 

Pola súa banda, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro celebra do Día Internacional dos Museos con obradoiros escolares ao longo de toda a semana.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/05/2022