A directora xeral de Patrimonio Natural mantivo unha reunión co director xeral da asociación Amicos, entidade que lidera o proxecto na Comunidade

As Illas Atlánticas será un dos tres parques nacionais que acollerá a iniciativa económica de integración social 'Empleaverde'

Este proxecto, no que tamén participan Doñana e Monfragüe, consiste na formación, apoio e inserción laboral de persoas desempregadas co fin de ofrecerlles unha saída laboral relacionada coa conservación da natureza

Ofrécense cursos sobre as técnicas de guiado de rutas accesibles e de deseño e comercialización de paquetes de turismo de natureza

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, o único co que conta a Comunidade, acaba de ser seleccionado para acoller o desenvolvemento da iniciativa de emprendemento económico e integración social Empleaverde.

 

Así, as Illas Atlánticas, ao igual que o de Doñana en Andalucía e Monfragüe en Estremadura, será un dos tres parques nacionais que servirán como marco de referencia para impulsar iniciativas relacionadas co emprego verde e a sustentabilidade.

 

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, recibiu esta semana ao director xeral da asociación de persoas con discapacidade psíquica Amicos, Xoán España, que lle presentou as distintas actividades e actuacións que se levarán a cabo e liderará esta asociación na Comunidade galega.

 

Así, organizadas en diversos bloques, Empleaverde aposta pola formación, apoio e asesoramento para propiciar a inserción laboral das persoas desempregadas —pensando tamén naquelas en situación de vulnerabilidade social ou con maiores dificultades, como as persoas con discapacidade—, ofrecéndolles unha oportunidade naqueles traballos ou oficios que garden relación coa conservación da natureza e o medio natural.

 

Ademais de ofrecer cursos de guiado de rutas ou espazos turísticos e de interpretación do patrimonio natural, tamén se abordarán cuestións como o ecomarketing, co que deseñar e comercializar paquetes turísticos responsables en Galicia.

 

Do Campo puxo en valor este tipo de iniciativas que agrupan as oportunidades de emprego e a conservación do medio natural e defendeu que o Goberno galego será un aliado naqueles proxectos que defendan un uso sostible e respectuoso do medio ambiente.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/05/2022