Os biólogos de Galicia recoñecen os preto de 30 anos de traxectoria do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño co premio Institución do Ano

Teo (A Coruña), 13 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, recolleu hoxe o premio Institución do Ano que concede o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia ao centro en recoñecemento aos seus preto de 30 anos de traballo no control da calidade de medio mariño e técnico-sanitario dos produtos do mar. A representante do organismo dependente da Consellería do Mar agradeceu o galardón -que se entrega coincidindo co Día do Biólogo- e salientou que supón un recoñecemento máis ao excelente labor que realizan a diario todos os seus profesionais no control do medio mariño da comunidade.

No evento tamén foi recoñecida a traxectoria dos biólogos colexiados con máis de 25 anos de antigüidade, a mellor bióloga/o do ano, a gran empresa e peme de 2022 así como a institución investigadora do exercicio ao tempo que se fixo unha homenaxe aos membros de honra do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia. O premio entregado ao Intecmar supón poñer en valor o intenso e exhaustivo traballo que realiza o centro no control do medio mariño co obxectivo de garantir o cumprimento das normas relativas a aspectos como a seguridade alimentaria e a sanidade animal dos moluscos bivalvos, entre outros. Ese labor supón a realización de arredor de 90.000 análises de distintos tipos ao ano.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 13/05/2022