A Xunta incorpora desde mañá preto de 1.000 traballadores de seis meses ao operativo de prevención e extinción de incendios forestais de medio rural

Esta incorporación faise efectiva todos os anos antes da chegada do verán, de acordo coas necesidades de programación e planificación e en función das circunstancias climatolóxicas

O reforzo con estes profesionais suporá un importante pulo para a execución, antes do comezo do período de alto risco, dos traballos recollidos no Plan preventivo aprobado pola Xunta

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2022.- A Xunta reincorpora desde mañá preto dun millar de traballadores que ocupan prazas de natureza descontinua de seis meses ao Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais da Xunta, cumprindo así as previsións da Consellería do Medio Rural para reforzar estes labores antes da chegada do verán.

Esta incorporación faise efectiva de acordo coas necesidades de programación e planificación e en función das circunstancias climatolóxicas presentes e previstas. Estes empregados permanecerán en activo ata o vindeiro 17 de novembro.

O persoal que se incorpora agrúpase en dous colectivos por unha parte os vinculados directamente coa prevención e extinción de incendios e que forman parte das brigadas que son bombeiros forestais das categorías de Xefes de Brigada, Bombeiro condutor e Bombeiros xuntos cos Bombeiros condutores de motobomba e por outra parte o persoal con tarefas de apoio e loxística que se distribúe en persoal técnico, emisoristas, vixiantes e operadores codificadores. Deste xeito, refórzanse os medios, tanto humanos como materiais, para o correcto funcionamento do servizo de loita contra os incendios forestais.

Ademais, a incorporación deste persoal descontinuo de seis meses suporá un importante pulo para a execución, antes do comezo do período de alto risco, dos traballos recollidos no Plan preventivo aprobado pola Xunta. Este plan suporá o investimento de 33,1 millóns de euros, para actuar en máis de 58.600 hectáreas de territorio e en 5.780 quilómetros de pistas e vías de comunicación, entre outras accións.

Data de actualización: 17/05/2022