O colexio Virxe do Camiño de Rubiá álzase co premio do concurso-exposición das Letras Galegas 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fai entrega do galardón na modalidade de Infantil e Primaria

A proposta gañadora ‘Florencio Delgado Gurriarán, poeta do agro’ destaca pola súa orixinalidade, a calidade estética e artística e a idoneidade das diversas técnicas e materiais empregados

Valentín García tamén se trasladou ao IES Cosme López, da Rúa, para presentar a exposición sobre ou autor homenaxeado no 17 de maio dirixida a centros de Educación Secundaria, FP e outras ensinanzas

Ambos os proxectos permiten realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época do autor de Valdeorras
 

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entregou hoxe no colexio CEIP Plurilingüe de Virxe do Camiño de Rubiá (Ourense) o premio ao traballo gañador do Concurso Exposición Letras Galegas 2022 na modalidade de ensinanza infantil e primaria.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Univerdades felicitou o centro gañador polo seu coidado traballo, “unha obra colectiva que implicou tanto ao profesorado como ao alumnado do centro”. “Este espírito de colaboración e de unidade, que é o espírito das Letras Galegas, permite que un centro educativo do medio rural coma este poida facer un traballo tan grande e tan interesante, que serve para difundir tamén nos restantes centros de Galicia o exemplo de Florencio Delgado Gurriarán”, apuntou o Valentín García, quen ademais fixo mención ao importante labor que realizan por toda a Comunidade os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos.

 

Xunto ao representante autonómico interviñeron a xefa territorial de Ourense, Judith Fernández Novoa; o alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez Núñez; a directora do CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño, Andrea Tato, e o representante da familia Gurriarán, Ricardo Gurriarán.

 

Neste acto, fíxoselle entrega do cheque co premio ao coordinador do proxecto, Felipe Ulloa González, e do diploma acreditativo a Andrea Tato. Logo, o alumnado gañador recreou o poema A muiñada da obra Bebedeira de Florencio Delgado Gurriarán.

 

O traballo gañador na categoría de Infantil e Primaria, Florencio Delgado Gurriarán, poeta do agro, destacou cun harmonioso conxunto de carteis nos que son de salientar a orixinalidade, a calidade estética e artística e a idoneidade das diversas técnicas e materiais usados na súa elaboración. Os carteis van acompañados dunha guía didáctica con interesantes tarefas de gamificación e outras destinadas ao alumnado con necesidades específicas, así como orixinais vídeos de animación, na procura de difundir a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán entre o alumnado máis novo. Todos estes materiais atópanse no Portal da Lingua Galega e no blog do centro, O guieiro de Florencio.

 

IES Cosme López (A Rúa)

Seguidamente, Valentín García desprazouse ao IES Cosme López da Rúa (Ourense) para presentar a exposición sobre a figura homenaxeada pola RAG este 17 de maiocorrespondente ao resto dos centros e niveis educativos do ensino non universitario.

 

Ao acto asistiron tamén a xefa territorial de Ourense, Judith Fernández Novoa; a directora do IES, María Rosario Alonso Casas; os autores destes materiais, Débora Álvarez Moldes e Xulio Pérez Veiga, e o representante da familia Gurriarán, Ricardo Gurriarán.

 

Durante a xornada, o alumnado de 2º de Bacharelato do IES Cosme López recitou poemas sobre o homenaxeado e o público asistente visitou a exposición onde, ademais dos carteis das Letras Galegas, puido contemplar un lenzo coa caracterización de Gurriarán que foi realizado polo alumnado.

 

Cada unha das exposicións vén acompañada da correspondente guía didáctica, que permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, así como regras, marcadores de libros e outros materiais. Todos eles están dispoñibles no Portal da Lingua Galega.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/05/2022