O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asisten esta tarde á preestrea en Ferrol

Román Rodríguez destaca que a serie ‘Rapa’ é unha mostra do gran potencial de Galicia como escenario de rodaxes

A nova produción de Portocabo e Movistar+ está subvencionada pola Xunta con 300.000 euros a través do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual

O conselleiro destaca o importante impacto económico desta filmación, cuxo gasto en Galicia supera os 3 M€ e xera, antes da súa estrea, un retorno de 5,6 M€ e 85 empregos en termos equivalentes anuais

Ferrol, 16 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiron esta tarde á preestrea no Teatro Jofre de Ferrol de Rapa, a nova serie de Portocabo e Movistar+, que poderá verse nesta plataforma a partir do vindeiro xoves 19. O titular de Cultura do Goberno galego felicitou a todo equipo implicado nesta “ambiciosa produción”, que puxo como exemplo do enorme potencial de Galicia como escenario de rodaxes, tanto pola súa riqueza paisaxística como pola contrastada calidade dos servizos e profesionais da nosa industria audiovisual.

Neste sentido, a Xunta de Galicia creou en 2021 un fondo para a atracción de rodaxes dentro do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural, do que Rapa foi unha das catro primeiras propostas subvencionadas cunha achega de 300.000 euros. A longametraxe 13 Exorcismos, de Bambú, e as series Argonautas, tamén de Portocabo, e Hasta el cielo, de Vaca Films, resultaron igualmente beneficiarias na primeira quenda desta liña de apoio, que nestes momentos mantén aberta unha segunda convocatoria cunha dotación de dous millóns de euros.

Efecto multiplicador

O conselleiro, quen estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culurais, Jacobo Sutil, explicou que estas adxudicacións implican un compromiso de gasto mínimo en Galicia, que está a ter un importante efecto multiplicador en canto ao seu retorno en termos económicos e de emprego. Así, a filmación de Rapa na serra da Capelada e noutras localizacións de Ferrolterra supuxo un gasto superior aos tres millóns de euros, que segundo un estudo encargado pola Xunta á Universidade de Santiago de Compostela, está a xerar xa antes da súa estrea un impacto de 5,6 millóns de euros e 85 empregos en termos equivalentes anuais. 

Pepe Coira e Fran Araújo son os creadores desta nova proposta televisiva, que dirixe Jorge Coira e conta con Alfonso Blanco, de Portocabo, na produción executiva. En canto á interpretación, Javier Cámara e Mónica García encabezan un elenco cunha importante representación galega, con nomes como Lucía Veiga, Eva Varela, Toni Salgado, Berta Ojea, Iria Sobrado, Tito Asorey, Ricardo de Barreiro ou Mabel Rivera, entre outros.

Thriller de seis episodios

A serra da Capelada é o escenario natural deste thriller de seis episodios, ambientado na celebración da rapadas bestas, festa ancestral de gran relevancia cultural e turística, como pano de fondo. Alí ten lugar un crime que Maite, a sarxento da Guardia Civil, intenta resolver coa axuda de Tomás, un profesor frustrado.

Para o conselleiro, Rapa proxectará cara ao exterior o importante legado das nosas tradicións, así como a riqueza e a beleza xeográfica sobre a que se asenta esta trama. “É o poder que teñen as series creadas en territorio galego: ofrecer un escenario incomparable coas máximas facilidades para dar cabida a todo tipo de narrativas”, sinalou.

A posta en marcha en setembro de 2021 do fondo para a atracción de rodaxes supuxo o arranque das medidas do Hub Audiovisual como programa de apoio sen precedentes para o conxunto do sector, que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais desta industria en Galicia. Cóntase para tal fin cun orzamento de 9,6 millóns de euros durante o período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/05/2022