Román Rodríguez destaca que os museos da Xunta recuperan o nivel de visitantes anterior á pandemia, unha mostra máis da reactivación do sector cultural

De xaneiro a abril achegáronse a algún dos centros museísticos de xestión autonómica case 103.000 persoas, un 15% máis ca no mesmo período de 2021 e o mesmo dato que o rexistrado en 2019, último ano previo á crise sanitaria

O Goberno galego pon en marcha unha nova liña económica de apoio aos museos da que se beneficiarán xa este ano unha vintena de proxectos de toda Galicia

“Celebrar este día é celebrar unha parte fundamental da cultura, pois os museos son pedras angulares que sustentan a arte, a ciencia, a tecnoloxía e mesmo a natureza” co dobre compromiso “de preservación e de promoción”, afirma o conselleiro
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou hoxe que os museos da Xunta recuperaron xa o nivel de visitantes anterior á pandemia, unha mostra máis da reactivación do sector cultural. Salientouno na visita realizada, co gallo do Día Internacional dos Museos, ao Museo de Arte Sacra de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela, na que estivo acompañado pola abadesa e directora do museo, Almudena Vilariño, e polo conservador do espazo e profesor de Arte Medieval, Ángel Pazos.

 

Segundo indicou o conselleiro, “de xaneiro a abril achegáronse a algún dos centros museísticos de xestión autonómica case 103.000 persoas, un 15% máis ca no mesmo período do ano pasado” e un dato coincidente co rexistrado en 2019, último ano previo á crise sanitaria que orixinou restricións no acceso a estes espazos. Para Román Rodríguez, este incremento pon de manifesto tamén “a importancia de seguir apoiando a rede museística galega para consolidar este éxito e fomentar o seu desenvolvemento”.

 

Neste sentido, referiuse á nova liña de axudas da Xunta, dotada con 200.000 euros, para reforzar o labor das entidades locais e sen fin de lucro titulares de museos, coleccións ou centros de interpretación. Como anunciou, unha vintena de proxectos beneficiaranse deste programa da Consellería de Cultura cuxa convocatoria vén de resolverse. Un deles é o propio Museo de Arte Sacra de San Paio de Antealtares, visitado hoxe.

 

As bolsas de formación en materia de museos, ás que se destinan 114.000 euros, a nova Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia ou a celebración da II Xornada sobre o museo social programada para o outono no Museo das Peregrinacións e de Santiago son outras das iniciativas da Xunta a prol do museos galegos destacadas polo conselleiro.

 

Capacidade comunicativa e poder tractor

Así mesmo, Román Rodríguez reivindicou a “capacidade comunicativa dos museos e o seu poder tractor como epicentros culturais de Galicia”, reflectido na ampla programación especial deseñada polos distintos centros para abrirlle a toda a cidadanía a celebración do seu día internacional. Visitas guiadas, música, obradoiros e outras moitas propostas enchen estes días os museos de actividades que se suman á variada oferta de fondos, coleccións e centros de interpretación existente na Comunidade galega.  

 

“Celebrar o Día Internacional dos Museos é celebrar unha parte fundamental da cultura”, apuntou, e sinalou os museos como “pedras angulares que sustentan a arte, a ciencia, a tecnoloxía e mesmo a natureza” co dobre compromiso “de preservación e de promoción de cara aos visitantes”.

 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades tivo tamén palabras para o espazo que acolleu a visita conmemorativa deste día internacional, o Museo de Arte Sacra de San Paio de Antealtares, como “unha das principais pinacotecas santiaguesas” e “símbolo de memoria común e compartida”.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/05/2022