Galicia e Colombia afianzan as vías de colaboración en sectores estratéxicos como o naval e o TIC

A xuntanza prodúcese en resposta á misión comercial que o pasado mes de marzo a Xunta encabezou a Colombia acompañando a medio cento de empresas e clústeres galegos

Conde informa á Cámara de Comercio de Colombia do inicio das obras da Cidade das TIC na Coruña, que será unha realidade a principios de 2022 co centro de fabricación avanzada (4,8M€)

Agradece á delegación colombiana que este país vaia participar na próxima edición de Navalia, que se celebra a vindeira semana en Vigo

Destaca que Galicia segue comprometida ao cen por cento coa estabilidade e coa xeración dun clima favorable para a actividade económica

Apunta que no primeiro trimestre de 2022 as exportacións galegas medraron un 23,9% con respecto ao mesmo período do ano anterior, un incremento que chega ao 32% no caso das vendas con destino a Colombia
 

Madrid, 18 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro cunha delegación da Cámara de Comercio de Bogotá e con varias empresas colombianas para seguir afianzando vías de traballo en común entre Galicia e o país suramericano.

 

A xuntanza, que se produce en resposta á misión comercial que o pasado mes de marzo a Xunta de Galicia encabezou a Colombia acompañando a medio cento de empresas e clústeres galegos, serviu para dar continuidade á axenda de traballo conxunta en sectores estratéxicos como o naval, o TIC, o aeronáutico ou o agroalimentario.

 

Así, durante a reunión celebrada na Casa de Galicia Madrid, o vicepresidente económico tivo ocasión de informar á Cámara de Comercio de Colombia do inicio das obras da Cidade das TIC na Coruña, que será unha realidade a principios de 2022 co centro de fabricación avanzada (4,8M€). Por outra banda, agradeceu á delegación colombiana que este país vaia participar na próxima edición de Navalia, que se celebra a vindeira semana en Vigo.

 

“Xa temos constituído un grupo de traballo xunto co Ministerio de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións para identificar elementos de desenvolvemento vinculados co sector da saúde e esa colaboración vaise estender á industria naval, porque haberá unha delegación de Colombia que visitará Navalia e iso vai permitir que esta industria forme parte desa axenda prioritaria de traballo”, dixo.

 

Conde quixo trasladar tamén que Galicia segue comprometida ao cen por cento coa estabilidade e coa xeración dun clima favorable para a actividade económica. E, nese sentido, mencionou a Lei de simplificación administrativa e a futura Lei de áreas empresariais como o mellor marco normativo do que dispón a Comunidade para transmitir a confianza que precisan as empresas e para captar novos investimentos.

 

Neste contexto, o vicepresidente económico puxo en valor os resultados que está a dar a Estratexia de Internacionalización da Economía Galega (2021-2025), e apuntou que no primeiro trimestre de 2022, as exportacións galegas acadaron os 6762M€, un 23,9% máis con respecto ao mesmo período do ano anterior. En concreto, a Colombia, Galicia exportou un 32% máis que nos primeiros tres meses de 2021, ata os 11,5M€ fronte aos 8,7M€ do ano anterior.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/05/2022