A Xunta abre o prazo para que as familias soliciten axudas para libros e material escolar e acceso ao fondo solidario de manuais

O Goberno galego destina un total de 25,6M€ a este programa, cun incremento do 47% do orzamento con respecto a este curso que, case na súa totalidade, vai destinado a financiar a renovación dos manuais do Fondo de libros obrigada pola entrada en vigor da nova Lei educativa

O período para presentar as solicitudes -preferentemente por vía telemática- permanecerá aberto ata o 22 de xuño

O 100% das familias que cumpran cos requisitos terán libros de balde o vindeiro curso

O alumnado de 1º e 2º de Primaria poderá acollerse ás axudas á compra de libros, que van entre os 210 e os 140 euros en función da renda

No caso do alumnado matriculado en Educación Especial, mantense unha axuda de 275 euros independentemente da renda

 

 

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2022/23.

 

O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o próximo día 22 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.Cómpre subliñar que a Consellería de Educación asegura a dotación de balde de libros e material para o 100% das familias que cumpran cos requisitos establecidos.

 

O sistema solidario habilitado polo Goberno galego que posibilita garantir unha educación accesible para o conxunto do alumnado susténtase en tres eixos: o Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos nos que os materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar.

 

Para atender estas tres liñas no próximo curso, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten habilitado unha cuantía de 25,6M€, o que supón un incremento do 47% con respecto aos 17,4M€ do presente curso, a meirande parte do cal vai destinado a afrontar a reposición de manuais do Fondo Solidario de Libros que vén obrigado pola entrada en vigor, en setembro, da nova lei educativa, LOMLOE, para os cursos impares.

Axudas á compra

As axudas da Xunta para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e ao alumnado matriculado en Educación Especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.

 

Así, no caso do alumnado dos dous primeiros cursos de Primaria recibirán 210 euros no caso de renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros; e de 140 euros para as rendas de entre 6.000 e 10.000 euros.

 

No caso do alumnado matriculado en Educación Especial, en centros específicos ou en unidades de Educación Especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 275 euros, con independencia da renda per cápita familiar.

 

Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (210 euros), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

 

Fondo solidario

No Fondo Solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

 

Así, o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros, ou que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a seis libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000 e 10.000 euros terán acceso a catro manuais.

 

Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao Fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores.

 

Axudas para material escolar

O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en Educación Primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, e a contía da axuda é de 50 euros/alumno.

 

O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

 

Trámites por vía telemática

As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica (preferentemente) empregando a aplicación informática fondolibros a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

 
Balance do presente curso 2021-22

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade repartiu de forma gratuíta no presente curso escolar un total de 464.598 libros de texto do Fondo solidario, o que alcanza a un total de 80.359 alumnos de 3º a 6º curso de Educación Primaria e dos catro cursos de ESO. Outros 26.846 alumnos beneficiaronse das axudas da Xunta para a adquisición de libros de texto; mentres que un total de 93.260 alumnos recibiron vales para a adquisición de material escolar.

 

A asignación de manuais dispoñibles no Fondo Solidario faise por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar e, de ser necesario, o centro adquire os libros complementarios que sexan precisos para garantir unha cobertura similar á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas (seis ou catro libros por alumno/a segundo o caso).

 

Deste xeito, e atendendo aos criterios de renda, case sete de cada dez alumnos de Primaria e de Secundaria beneficiarios do Fondo recibiron seis ou máis libros de balde; é dicir, que tendo en conta que a media de manuais nos centros é de seis por curso, nestes casos quedou cuberta a práctica totalidade das súas necesidades.

 

O Fondo Solidario está deseñado para garantir que as familias con rendas máis baixas sexan as primeiras destinatarias do programa de forma que poidan ser beneficiarias do maior número de libros dispoñibles.

Doutra banda cómpre destacar que para o próximo ano académico, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade volve a manter a flexibilización das esixencias de renda e o aumento xeneralizado das contías das axudas que aplicou nos curso 2020/21 e 2021/22 co obxectivo de reforzar o apoio ás familias ante o contexto de pandemia. Cómpre subliñar que, un ano máis, todas as familias que cumpran cos requisitos teñen cuberto de balde, case na súa totalidade, os libros e o material escolar que precisan para os seus fillos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/05/2022