A Xunta aumenta en máis do 5% o orzamento do Plan anual 2022 da cooperación galega ata superar os 7,8M€

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, deu a coñecer hoxe no Parlamento de Galicia o Plan anual 2022 da Cooperación Galega, orientado a facilitar a loita contra a pandemia e as súas consecuencias nos países máis vulnerables

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022.- O Plan anual 2022 da Cooperación Galega conta cun orzamento inicial de máis de 7,8 millóns de euros, o que supón un incremento dun 5,19 % con respecto ao do ano anterior.

 

Neste Plan anual 2022 da Cooperación Galega, no que respecta ás actuacións no exterior, seguirase tomando como base a Estratexia de resposta á covid-19 da Cooperación Galega, de tal forma que os recursos e instrumentos orientaranse de cara a facilitar a loita contra a pandemia e as súas negativas consecuencias que están a afectar gravemente ás comunidades e persoas máis vulnerables.

 

O ámbito de actuación do Plan anual 2022 concentrarase nos once países que define como prioritarios o IV Plan director; é dicir, en Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique, Guatemala, Honduras, Nicaragua, O Salvador, Bolivia, Ecuador, Perú e República Dominicana.

 

Séguese a apostar polas convocatorias públicas de axudas como principal instrumento de canalización de fondos, co fin de facilitar o concurso en concorrencia competitiva dos distintos axentes de cooperación. Neste sentido, estanse a destinar ás convocatorias sobre un 80 % do orzamento operativo inicial de gasto. Do mesmo xeito, primaranse as actuacións das ONGD na xestión e canalización das axudas.

O Consello da Xunta aprobou o Plan anual 2022 o pasado 3 de febreiro, logo de ter recibido o visto e prace do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), que emitiu un informe favorable por unanimidade na súa reunión do 20 de xaneiro.

A intervención de hoxe enmárcase no cumprimento da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que incorpora no seu articulado a necesidade de informar ao Parlamento da aprobación polo Consello da Xunta dos plans anuais da Cooperación Galega.

Data de actualización: 18/05/2022