O Servizo de prevención de incendios da Xunta participa en León nun exercicio internacional de extinción para mellorar a resposta ante situacións de grandes lumes simultáneos

Enmarcada no Mecanismo Europeo de Protección Civil da UE, na iniciativa participaron máis de 430 profesionais dun total de seis países e de oito comunidades autónomas, incluídos 15 efectivos galegos

Os representantes do SPIF interactuaron con todos os medios participantes e releváronse con equipos de Estremadura, coordinados pola dirección de extinción, de Castela e León
 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O Servizo de prevención de incendios forestais de Galicia vén de participar en León nun exercicio internacional de extinción para mellorar a resposta ante situacións de grandes lumes simultáneos, celebrado no marco do Mecanismo Europeo de Protección Civil da Unión Europea. Na iniciativa implicáronse un total de seis países e de oito comunidades autónomas, superando os 430 profesionais en campo. 

No que respecta a Galicia, desprazáronse un total de 15 efectivos dos distritos VII Fonsagrada-Os Ancares e VIII Terra de Lemos. En concreto, un técnico (o xefe do distrito VII), dous axentes ambientais, dous bombeiros forestais condutores de motobomba, tres bombeiros forestais xefes de brigada e sete bombeiros forestais. No exercicio -que durou dous días- os representantes do operativo galego antiincendios interactuaron con todos os medios participantes e releváronse con equipos de Estremadura, coordinados pola dirección de extinción, de Castela e León.

O simulacro realizouse ao abeiro do Mecanismo Europeo de Protección Civil, o principal instrumento para coordinar a resposta da Unión Europea ás catástrofes. Os países poden solicitar apoio á UE, neste caso para a extinción de incendios forestais, e reciben resposta coas opcións de axuda dispoñibles nos diferentes países europeos. O propio Mecanismo dispón do seu programa de formación e adestramento, baixo o que se enmarca o referido exercicio, que tiña como obxectivo principal a mellora da coordinación entre as distintas unidades que participan na extinción de incendios que requiren apoio inter-autonómico, estatal e internacional. En concreto, no simulacro participaron profesionais de países do sur de Europa, nomeadamente, de España, Portugal, Francia, Grecia, Croacia e Italia. Dentro do noso país, acudiron efectivos de Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura, Comunidade Valenciana, Cataluña, Andalucía e Comunidade de Madrid, ademais do persoal do dispositivo de apoio do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 19/05/2022