A Xunta e a CEL organizan en Monforte xornadas informativas sobre as axudas para o turismo e o comercio

Enmárcanse nas actividades da oficina Conecta Lugo, instalada na localidade para asesorar a emprendedores e pemes do sur da provincia

Lugo, 19 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Xunta e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) desenvolverán en Monforte de Lemos unhas xornadas informativas sobre os apoios aos que poden optar as pemes dos sectores do turismo e o comercio.

 

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e Jaime López, secretario da CEL presentaron hoxe esta iniciativa, que se enmarca na programación da oficina Conecta Lugo, que recentemente puxeron en marcha ambas entidades de forma conxunta nun local do edificio da estación de autobuses de Monforte.

 

O obxectivo é achegarse aos emprendedores e empresarios da zona sur para ofrecer asesoramento personalizado, especialmente no que atinxe á innovación, co foco posto naquelas con potencial pero que aínda non deron o paso. Tamén se desenvolven actividades divulgativas, visitas a empresas e foros sectoriais. 

 

Neste contexto, o vindeiro martes día 24, ás 17 horas, a xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta en Lugo, Paloma Vázquez, presentará as axudas e liñas de apoio orientadas á hostalería; e o venres 3 de xuño ás 16.00 horas, o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, informará dos apoios a este sector. Ambas citas terán lugar no salón de actos do Centro Cívico de Monforte.

 

Os técnicos do Conecta Lugo atenden a todas as persoas previa cita, que pode solicitarse a través do número de teléfono 621 346 812 ou no enderezo electrónico conectalugo@cel.es.

 

Asesoran sobre os programas de apoio e os recursos que pon a Xunta á disposición das pemes para que avancen en innovación e competitividade. Entre estes, préstamos directos do Igape, axudas á incorporación do deseño como ferramenta de innovación e sustentabilidade, subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética ou para accións de promoción exterior, todas elas convocatorias abertas actualmente.

 

Ribadeo

No edificio sindical de Ribadeo funciona outra oficina do plan Conecta Lugopara atender ao tecido empresarial da Mariña. Tamén están previstas na localidade xornadas informativas, que se concretarán proximamente.

Neste caso, os interesados poden solicitar cita cos asesores no citado enderezo electrónico ou no número de teléfono 722 890 528.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2022