A Xunta destaca a importancia de promover nos centros de traballo accións para facer fronte ao estrés e previr os riscos psicosociais

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, presentou hoxe por videoconferencia a xornada formativa Adaptación ao cambio: afrontamento ante a adversidade do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA)

No webinario participaron responsables de prevención, xestores de equipos e, en xeral, persoas interesadas en mellorar a saúde emocional

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu hoxe o webinario Adaptación ao cambio: afrontamento ante a adversidade, unha nova xornada formativa do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) coa que colaborou Fremap para dar a coñecer diferentes estratexias e reflexionar sobre a importancia de afrontar eficazmente a adversidade e, deste xeito, facer fronte ao estrés e previr os riscos psicosociais.

Mancha destacou que é preciso facer fincapé na prevención dos riscos psicosociais no traballo para crear espazos laborais saudables e sinalou que existen estratexias clave para previlos como é o fomento de actitudes favorables ao cambio e a promoción de competencias transversais para mellorar os intercambios sociais. “A actitude ante o cambio parece ser unha das principais competencias fronte ás situacións de estrés”, engadiu.

Entre os consellos que se destacaron na xornada formativa do Instituto para facer fronte a adversidades no traballo resaltan o establecemento de relacións cos demais; pensamentos realistas e construtivos; a confianza nun mesmo; o desenvolvemento de metas e obxectivos; e a busca de oportunidades. “O fomento destas competencias no traballo permitirá crear contornas laborais satisfactorias e saudables, o que contribuirá ao incremento da competitividade”, concluíu.

No webinario participaron responsables de prevención, xestores de equipos e, en xeral, persoas interesadas en mellorar a saúde emocional.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2022