A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe as instalacións situadas en Caranza

A Xunta inviste preto de 40.000 euros no curso de mantemento e montaxe mecánica que se imparte no Centro de Formación Profesional Ocupacional de Ferrol

Un total de 12 alumnos participan nesta acción formativa coa que obterán un certificado de profesionalidade de nivel 2

A Consellería do Promoción do Emprego e Igualdade formará este ano a 420 persoas desempregadas nos 28 cursos que está previsto impartir no centro

Ferrol, 19 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Judit Fontela, visitou hoxe o Centro de Formación Ocupacional de Ferrol onde 12 alumnos iniciaron recentemente o curso de Mantemento e Montaxe Mecánica de Equipo Industrial.

A acción inclúe un total de 660 horas formativas estruturadas en tres módulos co obxectivo de que os participantes, persoas en situación de desemprego, adquiran a formación necesaria para realizar a montaxe e instalación na planta de maquinaria e o equipo industrial e o seu mantemento e reparación, en condicións de calidade e seguridade.

Deste xeito, ademais do diploma acreditativo, o alumnado obterá un certificado de profesionalidade de nivel 2, pertencente á familia profesional de Instalación e mantemento.

Martina Aneiros lembrou que esta é a primeira das dúas edicións previstas e que conta cun orzamento próximo aos 40.000 euros. “Trátase dunha aposta decidida da Xunta pola formación certificable, co obxectivo de que a formación para o emprego consiga os niveis de calidade e excelencia que son precisos no actual panorama laboral”, indicou Aneiros.

Este curso enmárcase dentro do Programa de Lotes de accións formativas aprobados para este centro propio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no que está previsto impartir un total de 28 cursos este ano en sete familias profesionais. “Isto suporá preto de 17.000 horas formativas”, recordou a delegada territorial, “que permitirán ao final deste programa que 420 persoas teñan obtido unha acreditación oficial e con validez en todo o territorio nacional”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2022