A Xunta recibe 9 ofertas para executar as obras das sendas das Vendas e de Santa Baia, en Esgos e no Pereiro de Aguiar, que suporán un investimento de 1,1 M€

O obxectivo é iniciar as obras a comezos do outono e prevese que estean rematadas na primavera de 2023, xa que os traballos contan cun prazo de 6 meses

Construiranse dous itinerarios na OU-536 que sumarán 3 km de lonxitude e cun ancho mínimo de 2 metros, separando o tráfico rodado da vía do tránsito peonil con diferentes elementos, para reforzar a seguridade viaria dos usuarios máis vulnerables da estrada

A senda nas Venda terá preto de 1 km, comezando no cruce de Ordelles para transcorrer integramente polo concello de Esgos ata rematar no cruce de acceso á Cabalgada

En Santa Baia a senda discorrerá ao logo de 2 km, desde a glorieta da OU-536, no punto quilométrico 8+800 ata o 11, reducindo nun punto o ancho dos carrís para encaixar o itinerario sen afectar a un muro con protección patrimonial

Instalaranse 4 novas marquesiñas para garantir unha espera máis confortable aos veciños que se desprazan en transporte público

Estes novos itinerarios enmárcase no Plan de Sendas de Galicia na comarca de Ourense, que recolle un investimento de 7,1 M€ para a execución de 16 km de novas sendas
 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Xunta recibiu un total de 9 ofertas de empresas para executar as obras das sendas das Vendas e de Santa Baia, nos concellos de Esgos e do Pereiro de Aguiar, que suporán un investimento de máis de 1,1 M€.

 

Estes dous novos itinerarios executaranse pola marxe esquerda da vía autonómica OU-536 e sumarán algo máis de 3 km de lonxitude.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras a comezos do outono, co obxectivo de rematalas na primavera do 2023, xa que os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses. A intervención está financiada con fondos europeos FEDER do programa operativo 2014-2020.

 

Con esta actuación, a Xunta pretende reforzar a seguridade viaria dos usuarios vulnerables da estrada, especialmente dos peóns, e o fomento dunha mobilidade sostible, máis respectuosa co medio.

 

A primeira senda, nas Vendas, iniciarase no límite entre os municipios de Esgos e O Pereiro de Aguiar, no cruce de Ordelles, transcorrendo logo integramente por este concello de Esgos ata rematar no cruce de acceso á Cabalgada. Será un itinerario de preto de 1 km.

 

A outra senda, a de Santa Baia, discorrerá polo municipio veciño do Pereiro de Aguiar, nun treito de 2 km, desde a glorieta da OU-536, no punto quilométrico 8+800 ata, aproximadamente, o quilómetro 11 da estrada. Neste caso, hai un punto onde será necesario reducir os carrís, aos 3 metros de ancho, para encaixar o itinerario sen afectar a un muro que ten protección do patrimonio cultural.

 

As sendas terán ancho variable, cun mínimo de 2 metros, e pavimento de formigón coloreado, agás nun treito que será en cor natural para unha mellor integración.

 

Os itinerarios estarán separados da estrada por diferentes elementos: cuneta revestida e con perfil de seguridade; vexetación máis bordo; bordo, ou a combinación destes 3 elementos, para separar o tráfico rodado dos peóns, reforzando a seguridade.

 

Tamén se executarán cunetas de seguridade e traballos de drenaxe, reposición de servizos afectados, preinstalación de alumeado público, reposición de sinalización.

 

Na intervención obxecto deste contrato prevese, ademais, a instalación de 4 novas marquesiñas para garantir unha espera máis confortable aos veciños que se desprazan en transporte público.

 

No deseño destes itinerarios, o departamento de Infraestruturas da Xunta traballou para atopar o equilibrio necesario para a ampliación da estrada e o encaixe das novas sendas, minimizando a afección ás propiedades en treitos moi urbanizados, con moitas vivendas nas súas marxes, pero garantindo a súa funcionalidade.

 

Deste xeito, a Xunta atendeu as solicitudes trasladadas polos veciños durante a información pública, lográndose diminuír en máis dun 50% a superficie afectada, desde preto de 11.000 m² previstos inicialmente no proxecto aos 4.700 m² actuais. Para iso,  deseñáronse as sendas reducindo o ancho nalgún treito para minimizar a afección á contorna, garantindo a súa funcionalidade cun ancho mínimo de 2 metros. 

 

Estes novos itinerarios están incluídos no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense, dotado dun investimento de 7,1 M€ para executar 16 km de sendas, e véñense sumar ás 2 sendas licitadas en xaneiro e marzo no concello de Ourense.

Data de actualización: 19/05/2022