O chef Adrián Felípez pecha no CIFP Paseo das Pontes da Coruña a segunda edición da aula gastronómica Galicia Calidade

A iniciativa levou por nove centros de hostalería galegos a profesionais da restauración que contan co selo de Galicia Calidade para introducir ao alumnado nos produtos que contan con este certificado

O cociñeiro do Restaurante Miga realizou un obradoiro no que participaron 25 estudantes do ciclo superior de Dirección de Cociña
 

A Coruña, 19 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Aula Gastronómica Galicia Calidade concluíu hoxe a súa segunda edición no CIFP Paseo das Pontes da Coruña, onde 25 estudantes do ciclo superior de Dirección de Cociña puideron colaborar nun obradoiro de cociña creativa co chef Adrián Felípez, do Restaurante Miga.

Esta segunda edición da proposta didáctica do organismo dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación levou a nove centros de estudos de hostalaría a chefs que contan co selo Galicia Calidade nos seus establecementos.

 

O obxectivo é favorecer que o estudantado poida coñecer as marcas baixo o selo galego da man de referentes da cociña contemporánea, como son Lucía Freitas, Yayo Daporta ou o propio Felípez. Así, contribúese ao coñecemento e o emprego destes alimentos e bebidas, produtos de proximidade e coa máxima garantía, entre a futura xeración da gastronomía en Galicia.

Nesta segunda edición contouse coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia, que achegou a vaixela empregada no cociñado e empratado a través do seu proxecto Artesanía no Prato, que trata de establecer sinerxías entre gastronomía, deseño e artesanía. 

 

A iniciativa completouse co sorteo dunha comida ou cea entre o todo o estudantado participante nesta segunda edición. A persoa elixida poderá escoller o restaurante que prefira dos que estiveron implicados nas distintas citas.

 

Menú

Adrián Felípez levou un menú de cinco pratos para o seu obradoiro. Así, os estudantes puideron colaborar na elaboración de lagostino ao vapor de berberechos, velouté de xamón e guisante bágoa; vieira curada en algas, mollo de pito ao allo e trigueiros galegos; espárrago fresco e escabeche de mexillóns emulsionado; fabas con polbo; e prensado de cacheira e repolo estufado con vinagre. Nesta última cita da Aula Gastronómica Galicia Calidade estiveron implicadas as marcas Avícola Tratante, Coren, Customdrinks, Luis Escurís Batalla, Terras da Mariña e Torre de Núñez.

 

Traxectoria

O chef Adrián Felípez, que conta cunha destacada traxectoria, abriu en 2016 o Restaurante Miga, na Coruña, proxecto persoal no que ofrece unha cociña de raíces galegas e visión contemporánea. O establecemento acadou nestes anos o recoñecemento Bib Gourmand da Guía Michelín, a antesala da Estrela que ofrece a Guía. Tamén ostenta os galardóns Q de Calidade e Turismo e a distinción Galicia Calidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2022