Rueda avanza o VIII Plan de igualdade de oportunidades, dotado con 935,5 M€, o maior orzamento da historia para loitar contra as discriminacións e previr a violencia de xénero

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao documento estratéxico 2022-2027, que incrementa a súa dotación presupostaria nun 138,8 %

Inclúe seis principios reitores e nove ámbitos de actuación con 128 liñas de acción para seguir avanzando nunha igualdade de xénero real e efectiva en todos os ámbitos

Darase máis relevancia á empregabilidade, emprendemento e eliminación da fenda salarial; á igualdade nos eidos rural e do mar, en concordancia coa nova Lei de igualdade que se está a tramitar na actualidade; e ao apoderamento, sororidade e participación social da muller en todas as esferas da vida pública e privada

O plan, con maior contido económico e con máis carácter ambicioso, outorgará máis estabilidade e sostibilidade ás políticas autonómicas de igualdade ao contar cun horizonte temporal de seis anos de vixencia e cunha avaliación intermedia
 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Consello da Xunta aprobou hoxe o VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 cun orzamento de 935,5 millóns de euros, o maior da historia dun documento de planificación destas características, co reto de avanzar na loita contra as discriminacións e previr a violencia de xénero para conseguir unha igualdade de xénero real e efectiva en todos os ámbitos. O orzamento aumenta nun 138,8 % con respecto ao sétimo plan, así como os ámbitos de actuación, que serán un total de nove, fronte aos tres do antecesor.

 

O plan, con maior contido económico e con máis carácter ambicioso, outorgará máis estabilidade e sostibilidade ás políticas autonómicas de igualdade ao contar cun horizonte temporal tamén máis amplo que o predecesor, seis anos de vixencia fronte aos catro anteriores, e cunha avaliación intermedia ao remate do primeiro trienio, no 2024, para identificar as medidas que se levaron a cabo e as que non; e para coñecer os resultados das diferentes actuacións. Ao remate da vixencia do plan farase a avaliación final.

 

“É un plan ambicioso, un plan a seis anos, un plan con consignacións orzamentarias que chegan case a 1.000 M€, que deberá ser avaliado na metade da súa execución, aos 3 anos, e supón a expresión dunha prioridade absolutamente irrenunciable para calquera administración”, abundou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

 
 

Como novidade, así mesmo, darase máis relevancia á empregabilidade, emprendemento e eliminación da fenda salarial; á igualdade nos eidos do rural e do mar; e ao apoderamento, sororidade e participación social da muller en todas as esferas da vida pública e privada.

 

O VIII Plan estratéxico inclúe en total 128 liñas de accións ennmarcadas en oito ámbitos de actuación específicos e un transversal. Este último contén catro eixes diferenciados para que a perspectiva de xénero se inclúa en todos os programas e accións do Goberno galego: a resposta aos efectos da COVID-19 que tiveron un impacto máis significativo nas mulleres; a diversidade das mulleres con respecto á procedencia migratoria, orixe social, orientación sexual, idade ou discapacidade; a ruralidade para que o lugar de residencia non se converta nun factor máis de discriminación; e o carto eixe transversal xirará en torno á interseccionalidade para abordar a situación das mulleres en contextos de especial vulnerabilidade.

 

Oito ámbitos específicos

Con respecto aos oito ámbitos específicos, o primeiro versará sobre a empregabilidade, emprendemento e eliminación da fenda salarial, co reto de eliminar os desequilibrios de xénero no ámbito laboral, con especial énfase no emprendemento innovador. O segundo ámbito dedícase ás mulleres na ciencia e na investigación, co fin de configurar un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de forma efectiva o principio de igualdade e aproveite o talento feminino. O terceiro, de conciliación e corresponsabilidade no uso dos tempos, ten como obxectivo avanzar cara a un cambio cultural no uso dos tempos que lles permita a mulleres e homes compaxinar en igualdade a esfera privada coa profesional. O ámbito cuarto centrarase en accións encamiñadas á igualdade de oportunidades para as mulleres rurais co reto de eliminar os obstáculos que representan unha dobre discriminación para as mulleres rurais e do mar.

 

O quinto eixe está dedicado á educación para a igualdade e prevención das violencias contra as mulleres para reforzar a coeducación como instrumento de transformación para acabar coas desigualdades. O ámbito sexto, de apoderamento, sororidade e participación social, pretende conseguir a intervención plena das mulleres e incrementar a súa presenza nas esferas de poder e influencia.

 

Por último, o sétimo ámbito está destinado a outras políticas sectoriais para o benestar, a cohesión social e o reto demográfico, co fin de asegurar o benestar integral das mulleres na súa diversidade; e o oitavo incluirá accións de intervención para a erradicación da violencia de xénero para conseguir o rexeitamento social da violencia e garantir unha resposta institucional efectiva para a atención das vítimas.

 

O plan, para o seu deseño, contou coa colaboración de todos os departamentos da Xunta e coa elaboración previa dunha diagnose sobre as desigualdades de xénero, así como cun proceso de revisión de plans, programas, informes e normativa vixente. A súa elaboración, ademais, baseouse en seis principios reitores: a igualdade como motor de progreso social e económico; o afianzamento da transversalidade de xénero; a colaboración intra e interinstitucional; a participación e corresponsabilidade civil; o apoderamento das mulleres; e o aliñamento cos obxectivos da Axenda 2030.

 

É preciso destacar, ademais, que o documento está en concordancia coa nova Lei galega de igualdade de mulleres e homes que a Xunta está a tramitar co fin de seguir avanzando cara á igualdade laboral, actualizar e unificar nunha mesma norma as medidas autonómicas para a loita contra a discriminación múltiple e os ataques sexistas á muller e referendar o compromiso da Administración galega coa formación profesional e o emprego feminino de calidade.

 

O VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 constitúe, en definitiva, un documento marco que engloba os diferentes plans de igualdade que está a desenvolver a Xunta, como son, entre outros, o III Programa Muller e ciencia 2022-2025; o Plan galego de conciliación e corresponsabilidade, do cal se está a elaborar unha nova edición; o Plan galego contra a trata; ou o Estatuto da muller rural e do mar, que formará parte da nova Lei de igualdade. Tamén inclúe as diferentes accións do Pacto de Estado contra a violencia de xénero en Galicia.


Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/05/2022