Portos de Galicia informa ao Concello de Cambados das súas accións para defender a cadea mar-industria na tramitación do Plan Especial

Cambados (Pontevedra), 19 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de Cambados para informarlle das accións que o ente público está a desenvolver para reafirmar o Plan Especial de ordenación portuaria do municipio e con el os usos da cadea mar-industria. Susana Lenguas trasladou aos representantes municipais que Portos de Galicia está a traballar en dar resposta ás solicitudes do informe sectorial emitido por Costas do Estado sobre o Plan. Na súa resposta Portos ratifícase en manter os usos das concesións actuais e potenciais do porto.

A presidenta do ente público insistiu de novo en denunciar a invasión de competencias que o informe de Costas supón sobre a autonomía de Galicia e a nefasta repercusión  sobre a economía litoral galega que tería a proposta do Estado de aplicar nos portos transferidos ás comunidades autónomas a Lei de Costas. De aplicarse este criterio, explicou, podería supoñer o cese da actividade de decenas de empresas da cadea mar-industria. Neste sentido, Susana Lenguas insistiu en que Portos de Galicia chegará ata as últimas consecuencias precisas para protexer as competencias autonómicas en portos e defender a actividade industrial que se vén recollendo na planificación portuaria en xeral, e concretamente na de Cambados.

Ademais, en relación ao pronunciamento público amosado polo Goberno central nos últimos días nos que trasladou que o informe de Costas non debe supoñer a fin da actividade industrial no dominio público portuario, a presidenta de Portos manifestou que, de ser así, o Executivo estatal debería rectificar formalmente por escrito o informe sobre o plan especial do porto de Tragove.

Finalmente, ambas partes afondaron no procedemento de reversión de terreos transferidos a Portos nos que non se desenvolve actividade portuaria. Neste sentido, revisáronse as zonas acordadas entre as partes para a reversión a Costas a fin de evitar repercusións económicas prexudiciais que puidesen derivarse da interferencia de Costas nas competencias portuarias autonómicas.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 19/05/2022