A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe as instalacións da entidade en Outes

A Xunta incrementa ata 41 as prazas públicas nos centros de atención diúrna de Adisbismur en Outes

O Goberno galego destina a esta entidade 440.000 euros ao ano para a posta en marcha desta prazas públicas de centro de día e ocupacional

Desde o ano 2009, incrementáronse nun 30% o número de prazas públicas de atención á discapacidade ata chegar a un total de 5600 por toda Galicia
 

Compartir
  • whatsapp

Outes (A Coruña), 20 de maio de 2022.- A Xunta incrementou as prazas públicas nos centros de día e no centro ocupacional de Adisbismur, en Outes, ata un total de 41. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe as instalacións da entidade onde puxo en valor o seu traballo a favor das persoas con discapacidade na bisbarra de Muros.

 

A conselleira destacou que o compromiso da Xunta de Galicia é seguir fomentando a creación de prazas públicas de atención por toda a Comunidade e achegar atención cada día a máis xente. Nestes centros de Adisbismur, o Goberno galego financia cinco prazas más que o ano pasado, chegando a un total de 41 —18 no centro de día e 23 no centro ocupacional—. Para o seu funcionamento destínanse 440.000 euros ao ano.

 

A Xunta incrementou desde o ano 2009 nun 30% o número de prazas públicas de atención á discapacidade ata chegar ás 5600. Tan só neste ano 2022, a Xunta porá en marcha 280 novas prazas públicas. Fabiola García apuntou que a atención á discapacidade é unha tarefa que se debe asumir de forma conxunta como sociedade. Lembrou que coa colaboración de entidades como Adisbismur, Galicia é cada día máis inclusiva, solidaria e xusta.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/05/2022