Galicia ve nos fondos europeos unha oportunidade para a transformación industrial a partir da innovación, a sustentabilidade e a dixitalización

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Vigo na clausura do II Foro industrial de fondos europeos de recuperación, organizado por Asime

Solicita que o Executivo central convoque a Mesa da Automoción co sector e as comunidades autónomas para fixar as prioridades dos fondos europeos

O Goberno galego traballa na Estratexia do naval para definir coa industria galega os contidos que se axusten aos criterios de reparto
 

Vigo, 20 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Vigo na clausura do II Foro industrial de fondos europeos de recuperación, organizado por Asime. Conde destacou que Galicia ve nestes fondos unha oportunidade para a transformación industrial a partir da innovación, a sustentabilidade e a dixitalización.

 

Tal e como explicou, os fondos representan unha oportunidade histórica que hai que aproveitar a través dunha xestión útil que permita recuperar e transformar a economía. Neste sentido, Galicia está preparada xa que leva tempo traballando desde a colaboración público-privada no deseño de proxectos tractores que poñen o foco nas pemes. Así, destacou a importancia de contar cunha candidatura sólida grazas ao traballo das empresas, polo que avogou por seguir impulsando a colaboración. Galicia presentou propostas ás distintas convocatorias anunciadas polo Goberno, proxectos que suman case 8500 millóns de euros e abranguen ao redor de 200 empresas e máis de mil postos de traballo.

 

Conde referiuse á automoción -sector que en 2021 volveu deixar constancia do seu potencial cunha facturación un 7,3% superior á do ano anterior- e lamentou que esta industria galega non se vexa recoñecida no reparto dos fondos europeos. Cómpre lembrar que tanto o proxecto AutoÁncora como o circuíto de alta velocidade para coches autónomos non se ven recoñecidos nos fondos europeos. Por iso pediu que se convoque a Mesa da Automoción co sector e as comunidades autónomas para fixar as prioridades destes fondos.

 

Tamén explicou que se está a traballar na Estratexia do naval para definir coa industria galega os contidos que se axusten aos criterios de reparto dos fondos de recuperación Next Generation e seguir avanzando na innovación e dixitalización desta industria estratéxica.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/05/2022