A Xunta inicia un ciclo de encontros en liña con novos talentos do deseño referentes a nivel internacional

As Conversas en rede comezan o 31 de maio co obxectivo de explorar as novas tendencias do deseño aplicadas á innovación e á sustentabilidade

As Yarza Twins e Damián Calvo, gañadores dos Premios Galicia de Innovación e Deseño en 2020 e 2021 na categoría de talento emerxente, serán os protagonistas da primeira conversa

A terceira edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño ten aberta a súa convocatoria ata o 4 de xullo
 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia pon en marcha o vindeiro 31 de maio o ciclo Conversas en rede, unha serie de diálogos en liña que ten por obxectivo proxectar o potencial do deseño como motor empresarial dándolle voz ao talento emerxente.

O ciclo permitirá explorar a visión dos novos e novas profesionais galegos con máis proxección internacional sobre diferentes temáticas e vías de desenvolvemento para o deseño. Estes diálogos, retransmitidos vía streaming con periodicidade bimestral, serán unha ventá ás tendencias en auxe a nivel global en diversas especialidades do deseño, a partir da experiencia de cada participante e co foco posto na súa aplicación á innovación e á sustentabilidade.

Conversas en rede é unha iniciativa desenvolvida pola Axencia Galega de Innovación e a Fundación DIDAC no marco da creación da Rede internacional de profesionais do deseño galego, un dos eixes do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza.

Os protagonistas da primeira conversa serán os gañadores dos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2020 e 2021 na categoría de talento emerxente: Damián Calvo e Yarza Twins.

Damián Calvo é graduado en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto pola Universidade da Coruña. Foi membro do equipo de deseño de produto de Samsung Design Europe en Londres e recentemente incoporouse a Dyson como deseñador industrial na nova sede global da compañía en Singapur.

As irmás Marta e Eva Yarza fundaron Yarza Twins logo de obter o Master of Arts Communication Design no Central Saint Martins (Londres). Actualmente, desenvolven proxectos de tipografía, 3D, animación, deseño editorial e de marca, desenvolvemento web e ilustración para compañías como Adidas, MTV, Converse, Smirnoff e HP.

Premios de Innovación e Deseño

Os Premios Galicia de Innovación e Deseño teñen aberta ata o 4 de xullo a súa terceira convocatoria para recoñecer a novos referentes do talento emerxente do deseño galego, ademais de a outras persoas e empresas que destacan no total de seis categorías das que consta o certame.

 

Tres das categorías destes galardóns están especificamente dirixidas a recoñecer a profesionais e empresas que contribúen de xeito relevante á mellora do prestixio do deseño galego e as compañías que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como motor de innovación, sustentabilidade e competitividade. As outras tres recoñecen a persoas e empresas galegas que teñen a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento no mercado, respectivamente.

Data de actualización: 22/05/2022