Convocada a nova liña de apoio á consolidación das pemes do sector biotecnolóxico que lles permitirá gañar tamaño a través da innovación

Consolida Bio, dotada con tres millóns de euros, cubrirá tanto investimentos produtivos e tecnolóxicos como actividades de innovación de pequenas e medianas empresas do sector biotecnolóxico con menos de oito anos de antigüidade

A previsión é apoiar 12 pemes, mobilizar nove millóns de euros e crear 36 novos empregos de alta cualificación

A nova liña enmárcase tanto na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia como na Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a nova convocatoria de axudas da Vicepresidencia primeira e consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación: o programa Consolida Bio.  Dotado con tres millóns de euros -procedentes dos fondos REACT-UE- ten como obxectivo apoiar a consolidación das pemes do sector biotecnolóxico con menos de oito anos de antigüidade.

 

Esta nova liña de axudas pretende fortalecer as pequenas e medianas empresas deste ámbito e axudalas a gañar tamaño a través da innovación. Para logralo, os apoios cubrirán tanto investimentos produtivos e tecnolóxicos como innovación en procesos e actividades para levar ao mercado solucións baseadas na biotecnoloxía. A intensidade da axuda varía entre o 10 e o 20% para os investimentos e alcanza o 50% para os custos de innovación e o orzamento do plan de consolidación debe ser de entre 500.000 euros e un millón. As axudas, de concorrencia competitiva, aspiran a beneficiar a 12 empresas, mobilizar 9M€ e crear 36 empregos de alta cualificación.

 

Os plans empresariais das pemes que opten a estas axudas deberán estar vinculados a algunha das ramas de actividade prioritarias da biotecnoloxía en Galicia e ás cadeas de valor definidas na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia. En concreto, xestión e aproveitamento dos recursos mariños, produción e aproveitamento agrogandeiro e forestal, alimentación funcional para a saúde e o envellecemento activo, ou novas tecnoloxías para a medicina personalizada. Deste xeito, trátase de promover a revitalización de sectores tradicionais e favorecer a transición cara á bioeconomía.

 

Con esta nova medida, a Xunta pretende impulsar a competitividade das pemes biotecnolóxicas galegas, incrementar tanto a súa capacidade produtiva e comercializadora como a facturación global do sector, así como favorecer a cooperación no ecosistema biotecnolóxico galego e facer da Comunidade unha rexión con capacidade de atracción de emprendemento tecnolóxico.

 

Consolida Bio enmárcase na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e complementa iniciativas que apoian o emprendemento neste sector e a chegada dos resultados de investigación ao mercado, como BioIncubaTech, as Business Factory Food (BFFood) e Medicines (BFMedicines) ouo programa Ignicia.

 

A nova convocatoria tamén ratifica o compromiso do Goberno galego co sector, xa demostrado coa posta en marcha, en 2016, da Estratexia de impulso da biotecnoloxía, unha folla de ruta que impulsou o investimento en investigación, transferencia de tecnoloxía e creación de novas empresas e que, no período 2016-2020, se materializou na mobilización de 262 millóns de euros e duplicáronse as empresas biotecnolóxicas. Ademais, converteuse na segunda rexión na que se crean máis empresas do sector despois de Cataluña, segundo o último informe elaborado por Asebio.

 

Galicia desenvolve agora a Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico
2021-2025, para posicionarse como unha das principais rexións nesta materia a nivel europeo, fomentando a xeración de negocio e a consolidación empresarial, e que ten como obxectivo mobilizar 662 millóns de euros.

 

Xornada de presentación

O vindeiro martes, 24 de maio, celebrarase na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela a xornada informativa A biotecnoloxía. Inviste en Galicia, centrada nas oportunidades de investir e innovar no sector da biotecnoloxía. Nela, presentarase esta nova convocatoria, Consolida Bio, así como as facilidades do marco legal e territorial e as posibilidades de realizar investimentos neste sector en Galicia e as instalacións dispoñibles no polígono da Sionlla. Máis información e rexistro na sección eventos da web de Gain.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/05/2022