A Xunta impulsa unha nova liña de axudas directas para microempresas e pemes co obxectivo de reforzar a súa aposta pola innovación

O novo programa Bonos de Innovación contribuirá a que as beneficiarias realicen actividades de innovación que poidan levarse a cabo de maneira inmediata e repercutan directamente na capacidade para dar resposta aos retos actuais do tecido empresarial

Con este incentivo de ata 35.000 euros quérese apoiar especialmente ás compañías que incorporan por primeira vez a innovación na súa estratexia e, ademais, permitirá dar visibilidade á innovación oculta que se fai nas pemes

A través deste novo instrumento cubrirase o 70% dos custos de servizos profesionais externos de apoio á innovación
 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta impulsará unha nova liña de axudas directas destinada a microempresas e pemes que ten como obxectivo mellorar, de xeito inmediato, a súa capacidade de innovación como ferramenta para fomentar a competitividade empresarial en Galicia. Cun orzamento dun millón de euros, os Bonos de innovación pretenden chegar a 50 beneficiarios apoiando, especialmente, as compañías que incorporan por primeira vez o factor innovador na súa estratexia e dando visibilidade á innovación oculta que se está realizando en moitas pemes galegas.

 

O novo programa da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación enmárcase dentro do compromiso da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2027. As micro e pequenas empresas son unha prioridade da RIS3 e por iso define itinerarios de apoio completo que respondan á heteroxeneidade do tecido empresarial e que apoien nos diferentes estadíos nos que se atopan as empresas que empezan a innovar. Esta axuda xorde tras o éxito de InnovaPeme e como resposta ás necesidades concretas daquelas compañías que aínda non contan cos medios e capacidades para participar nesta convocatoria. Cando unha empresa pensa en empezar a innovar, por tanto, ten apoios para ir paso a paso, desde o ReAcciona Innovación, pasando polos bonos, ata chegar ao InnovaPeme.

Estes bonos complementarán as capacidades das empresas a través da contratación de servizos externos, ben a través de servizos de apoio á innovación -incluídas actividades para a protección do coñecemento, transferencia tecnolóxica, comercialización ou desenvolvemento de produtos e servizos, por exemplo-, ben con servizos como a xestión do financiamento da innovación -tramitación de incentivos e beneficios fiscais para a I+D+i ou de presentación de axudas estatais, europeas ou internacionais de I+D+i-. Polo tanto, a nivel de mobilización de investimento, cómpre salientar a capacidade de atraer fondos públicos doutras administracións: por exemplo, suporá un incentivo para presentar proxectos ás convocatorias europeas ou estatais en materia de innovación.

 

As axudas, de concorrencia competitiva, cubrirán o 70% do custo elixible e chegarán a un máximo de 35.000 euros no caso do bono de servizos e 10.000 no de xestión. Os criterios de valoración terán en conta as características da empresa solicitante, a experiencia previa en innovación, así como a avaliación obxectiva de cada proxecto.

 

Esta convocatoria forma parte do conxunto de medidas do Programa de impulso á innovación nas pemes, como ReAcciona, a aceleradora Galicia Avanza, InnovaPeme, DeseñaPeme ou os préstamos IFI Innova. No caso concreto do programa InnovaPeme, en activo desde o ano 2017, xa se teñen apoiado 160 pemes -sen contar a convocatoria deste ano- con axudas por 16,1M€. Delas, o 48% foi para microempresas, o 31% para pequenas empresas e o 21% para medianas, o que está permitindo crear e manter 767 postos de traballo. Nos dous últimos anos conseguiuse, ademais, incorporar 51 pemes ao ecosistema innovador.

 

A Xunta de Galicia segue, polo tanto, apostando pola innovación como instrumento de competitividade para o tecido empresarial pois propicia unha mellor preparación para afrontar os retos do futuro, impacta de xeito positivo na continuidade das empresas e na súa capacidade para crecer e internacionalizarse, á vez que favorece unha mellora de produtos, servizos e procesos das organizacións que tamén impactan nos clientes e consumidores.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/05/2022