A Xunta celebra o 35 aniversario da Escola Galega de Administración Pública

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou os actos conmemorativos da xornada, acompañado da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos

Unha conferencia sobre o papel dos poderes públicos na formación e na cultura do século XXI, a presentación dun Repertorio de Lexislación autonómica e a entrega das dúas últimas edicións do Premio Manuel Colmeiro centran a celebración

A EGAP conmemora tamén hoxe o Día das Letras Galegas cunha homenaxe a Delgado Gurriarán a cargo do xornalista Xosé Carlos Caneiro

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou hoxe, venres, en Santiago, os actos conmemorativos de celebración do 35 aniversario daEscola Galega de Administración Pública (EGAP), acompañado pola directora da entidade, Sonia Rodríguez-Campos.

A celebración estivo centrada en lembrar as tres décadas e media de vida dun organismo que hoxe é un referente da formación continua dos empregados públicos, segundo afirmou Miguel Corgos, quen na súa intervención recordou aos seis directores da Escola e agradeceu a súa implicación de acadar o obxectivo de impartir cada vez máis formación a diferentes colectivos públicos, cunha maior especialización e incorporando as novas tecnoloxías para prestar un servizo fundamental á función pública galega.

O responsable da Facenda e a Administración Pública autonómicas fixo especial fincapé no crecemento das actividades formativas impartidas, pasando de 33 no ano 1987 a 787  35 anos despois, en paralelo ao i do orzamento da EGAP, que supera na actualidade os 4 millóns de euros.

Miguel Corgos rematou instando aos asistentes a non conformarse con todo o acadado ao longo destes 35 anos, senón a continuar traballando na profesionalización da función pública galega, a través do fomento da aprendizaxe continua e da innovación.

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos destacou o traballo realizado polo organismo durante estes anos con actuacións destinadas a acadar un sector público máis eficiente e eficaz a través da formación e a investigación co gallo de consolidar unha Administración de calidade cun persoal capacitado para ofrecer o mellor servizo á cidadanía galega. Neste tempo, incidiu, superáronse retos transcendentais como a incorporación das novas tecnoloxías ao contorno laboral e á docencia, a integración de todos os colectivos de empregados públicos á formación continua, a promoción e posta en valor da lingua galega, ou o fomento da investigación no eido público.

Actividades e conmemoracións

Unha conferencia sobre o papel dos poderes públicos na formación e na cultura do século XXI, a cargo da escritora e directora do Instituto Cervantes en Burdeos, Luisa Castro; a entrega das dúas últimas edicións do Premio Manuel Colmeiro e a presentación dun actualizado Repertorio de Lexislación autonómica poñerán o ramo ás actividades da xornada.

Pero, ademais, a EGAP conmemora tamén hoxe o Día das Letras Galegas cunha homenaxe a Delgado Gurriarán a cargo do xornalista Xosé Carlos Caneiro e a entrega de galardóns das dúas últimas edicións do Concurso de Literatura Infantil e Xuvenil do Día das Letras Galegas 2021 e 2022.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/05/2022