A Xunta actualiza o Plan de Protección Civil de Salvamento nas Praias de Galicia para garantir este verán a cobertura das emerxencias nas zonas de baño da comunidade

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe a reunión na que se creou o comité asesor do Sapraga

O Plan estará vixente do 1 de xuño ata o 30 de setembro e a adhesión ten carácter voluntario para os concellos que teñan augas de baño censadas no Servizo Galego de Saúde

A principal novidade neste ano é a análise de riscos, ao clasificar as zonas censadas en función da afluencia e perigosidade
 

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe a reunión do Comité Asesor do Plan de Protección Civil de Salvamento en Praias de Galicia (SAPRAGA) na que se constituíu este organismo, que terá como funcións asesorar e informar de todos os temas obxecto do plan e avaliar o seu seguimento.

 

Trátase da primeira reunión obrigatoria antes do comezo da campaña, previsto para o 1 de xuño, á que seguirá outro encontro de seguimento ao remate despois do 30 de setembro para avaliar o plan e dar conta das praias adheridas e as incidencias atendidas, así como a inclusión de melloras que redunden na seguridade da poboación.

 

Na reunión tamén participaron representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), 061, Cruz Vermella, voluntarios de agrupacións de Protección Civil, Gardacostas e responsables en medio ambiente, turismo e Administración Local, xa que estes departamentos xunto con saúde pública e os organismos anteriores forman parte do Comité Asesor.

 

O Plan Sapraga para este 2022, que ten como obxectivo principal garantir a cobertura das emerxencias que poidan xurdir nas zonas de baño da comunidade, establecendo os procedementos de comunicación e coordinación cos servizos de emerxencias de Galicia (PLATERGA) no caso de emerxencias extraordinarias.

O novo SAPRAGA actívase con carácter estacional durante a época estival e, tendo en conta o marco competencial en materia de praias, a adhesión ten carácter voluntario para os concellos que teñan augas de baño censadas no Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Poden adherirse cantas praias estean no censo, debendo contar con servizo de socorrismo e Plan de Prevención e Seguridade segundo se determina no Plan. No encontro de hoxe actualizouse o plan para incluír precisamente unha nova zona de baño do concello de Laza que forma parte do censo do Sergas.

 

A principal novidade neste ano é a análise de riscos, xa que se clasifican as zonas censadas en función da afluencia e perigosidade, determinando os medios e recursos mínimos de protección e os contidos mínimos do Plan de Prevención e Seguridade. Este plan está dirixido polo director xeral de Emerxencias e Interior, coa misión de asegurar o bo funcionamento do plan, o seguimento e avaliación das actuacións, e de garantir a integración no PLATERGA e o enlace cos plans de contaminación mariña e o de Salvamento Marítimo. 

O plan SAPRAGA é un plan sectorial de carácter preventivo e operativo, a través do cal se atenderán as emerxencias ordinarias no espazo das praias. En caso de emerxencia extraordinaria, a proposta do CIAE 112 Galicia, e previa valoración do risco pola AXEGA e o director xeral de Emerxencias e Interior, activaras o PLATERGA no nivel que corresponda, activando os grupos operativos que sexan necesarios e quedando nese momento integrado o Servizo Público de Prevención e Socorrismo da Praia no grupo de intervención do PLATERGA.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/05/2022