Román Rodríguez felicita ao Servizo de Inspección Educativa polo seu labor para planificar o vindeiro curso fronte aos retrasos do Goberno do Estado

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades reúnese co corpo de inspectores, aos que agradece o traballo realizado no desenvolvemento da fase galega dos currículos, nestes momentos en trámites administrativos

“Fomos capaces de facer en 15 días o que o Ministerio non foi quen de acometer en 15 meses”, asevera en relación á tardanza do Estado en publicar a parte estatal dos textos

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, subliña o labor desenvolvido pola Inspección Educativa nos últimos meses para planificar o desenvolvemento do próximo curso coas máximas garantías para o conxunto da comunidade educativa.

 

Así llo transmitiu aos inspectores educativos durante unha xuntanza esta semana, no decurso da cal o titular de Educación aproveitou para agradecer, de maneira especial, o traballo compartido cos equipos docentes no que atinxe á elaboración da parte galega dos currículos educativos que entrarán en vigor a partir de setembro.

 

“Desde a Xunta fomos quen de completar en 15 días o traballo que o Ministerio tardou quince meses en facer”, aseverou Román Rodríguez en alusión á tardanza do Ministerio en publicar a parte estatal dos currículos desde a entrada en vigor da nova lei LOMLOE.  

 

Precisamente grazas á intensa colaboración tanto de inspectores como dos equipos docentes que integran os grupos de traballo dos currículos, nestes momentos están xa en trámite os documentos de todas as etapas. No caso dos currículos de Infantil e de Primaria, xa se atopan na fase final de tramitación, tras pasar pola Mesa Sectorial Docente e obter os informes preceptivos. No caso de ESO e Bacharelato serán abordados a vindeira semana para, a partir de aí, continuar cos informes necesarios.

 

En todo caso, á falta da publicación definitiva dos textos, os centros e os equipos directivos xa coñecen a estrutura das distintas etapas, coas materias e as cargas horarias, o que lles permite ir xa traballando con certezas na planificación do vindeiro curso.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/05/2022