A delegada territorial da Xunta en Vigo participou hoxe na presentación oficial da primeira das probas deste circuíto, que se disputará desde o luns e ata o 28 de maio

Fernández-Tapias destaca a dimensión internacional da alianza do Xacobeo e a 52 Super Series Baiona Sailing Week

O Monte Real Club de Yates acollerá aos nove equipos que debutarán na contorna do Parque Nacional das Illas Cíes na que está considerada unha das competicións máis importantes do mundo xunto á Copa América e a Volvo Ocean Race

A representante autonómica emprazou ás tripulacións participantes a converterse en embaixadoras do Camiño e a riqueza de Galicia nos seus países de orixe

Avanzou que o Goberno galego espera deste 2022 un Ano Santo histórico, pois “nunca antes houbo tantos peregrinos como agora na nosa Comunidade”
 

Baiona (Pontevedra), 20 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este venres na presentación da 52 Super Series Baiona Sailing Week, considerada unha das competicións de vela máis importantes do mundo xunto á Copa América e á Volvo Ocean Race.

“Por historia, tradición e prestixio”, Fernández-Tapias valorou a capacidade organizativa do Monte Real Club de Yates de Baiona como “garantía de éxito” da que é a primeira das citas da temporada para os nove equipos que tomarán parte nesta competición, que se disputará do 23 ao 28 de maio na localidade pontevedresa.

Un evento que pon a Galicia no foco internacional nun momento extraordinario para a Comunidade coincidindo co Xacobeo 21-22, “enchendo a baía baionesa e a contorna do Parque Nacional das Illas Cíes de visitantes e turistas que se achegaran a nosa ría para ver aos fórmula 1 do mar no seu debut”, sinalou a representante autonómica.

Regatistas de todas as partes do mundo, dos cinco continentes participan nesta proba, a primeira do calendario TP52, nos que a delegada confiou “como embaixadores do Xacobeo, do Camiño de Santiago e das delicias da nosa terra nos seus países de orixe e nos portos nos que naveguen”.  “Cónstame que moitos deles visítannos por primeira vez e non me cabe a menor dúbida de que pronto volverán a Galicia acompañados polos seus familiares e amigos”, sinalou.

Segundo dixo, “este evento permítenos dar un paso máis na nosa aposta polo deporte da vela”, estratéxico para a Xunta, e “na consolidación de Galicia como destino náutico, un dos nosos grandes atractivos e alicientes turísticos”.  

“Un encontro de primeiro nivel, que se celebra baixo o paraugas do Xacobeo e tras superar os peores momentos da pandemia, avanzando na senda dun Ano Santo histórico, no que esperamos cos brazos abertos ao turismo interno, nacional e, este ano si, ao internacional”, anotou Fernández-Tapias. A mandataria autonómica amosou o seu convencemento de que Galicia volverá a converterse, tamén neste 2022, nun destino preferente cun comportamento moi superior a media nacional”.

“Nunca antes houbo tantos peregrinos como agora en Galicia”, abundou, para destacar a contribución do Camiño Portugués da Costa que atravesa a vila baionesa ás extraordinarias estatísticas e as boas expectativas que manexa a Xunta a nivel turístico. “Conxuntamente coa vertente interior representa máis dunha cuarta parte dos peregrinos que chegan a Compostela”, dixo, nun enlace evidente entre Camiño, Xacobeo e turismo. 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/05/2022