A Xunta comparte o seu programa de xestión en residencias a Castela e León para monitorizar a actividade asistencial e operativa dos centros de atención social

Asina un convenio coa Gerencia de Servicios Sociales para facilitarlle o sistema de información de centros de política social (Cenpos) co fin de estudalo, analizalo e a partir del desenvolver unha ferramenta propia

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia cede á Junta de Castilla y León o sistema de información de centros de política social (Cenpos) para aplicalo nos centros residenciais de maiores e persoas con discapacidade e mellorar a súa xestión tanto operativa como asistencial.

 

Os gobernos autonómicos firmaron un convenio de colaboración para facer posible esta cesión, que se manterá durante catro anos. Deste xeito, a Gerencia de Servizos Sociales de Castilla y León pode analizar e estudar o sistema Cenpos, así como dispoñer dun punto de partida para o desenvolvemento dun sistema propio.

 

Cenpos é o programa de xestión que se utiliza en residencias públicas de maiores e tamén de persoas con discapacidade para monitorizar e analizar toda a actividade que se produce no centro. A súa finalidade é ter un rexistro de información que permita mellorar a atención e os coidados que se prestan aos usuarios.

 

Nesta ferramenta rexístrase a valoración do estado de saúde do usuario de cara a definir o seu programa de atención. Ademais, é compatible coa historia clínica electrónica do Servizo Galego de Saúde (Sergas), coa que comparte datos de carácter médico. Tamén incorpora un módulo no que se anotan datos operativos que permitan optimizar o funcionamento do centro, tales como o apartado económico ou o rexistro de lavandería e cociña, entre outros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/05/2022