A Xunta financia con preto de 2,3 M€ os contratos de 22 científicos posdoutorais para abrir liñas de investigación propia en Galicia

Esta convocatoria, que vén de resolver o Goberno galego, enmárcase na aposta por favorecer a carreira científica e o desenvolvemento dun sistema galego de investigación forte e especializado

Cada un dos beneficiarios recibirá ata un máximo de 49.000 € ao ano
 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia destina un total de 2.266.000 € á financiación dos contratos posdoutorais de 22 científicos para a apertura de novas liñas de investigación e a consolidación da súa carreira investigadora en Galicia.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o listado dos beneficiarios destas axudas posdoutorais de continuidade que cada ano convocan conxuntamente a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades co fin de impulsar un sistema galego de investigación forte e especializado.

Os contratos que agora se resolven forman parte dos programas de apoio á formación posdoutoral do Goberno galego (modalidade de formación e modalidade de continuidade), que este ano acadan un importe de 9,79 millóns de euros (un 4,22 % de crecemento) e un total de 72 contratos.

Contratos de dous anos

Os seleccionados (20 nas universidades do Sistema Universitario Galego e no resto de entidades beneficiarias) disporán dun contrato de dous anos de duración e unha axuda complementaria para o establecemento dunha liña de investigación propia (que poden acadar ata os 49.000 €/ano), co fin de dar continuidade á carreira investigadora destas persoas, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.

O importe das axudas nesta modalidade destinarase a pagamento dos contratos, custos sociais, axuda para a creación dunha liña de investigación propia e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Entre os gastos considerados elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, están a compra de pequeno equipamento inventariable e material funxible ou material bibliográfico, a contratación de persoal investigador ou auxiliar, ou os gastos derivados do uso de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, entre outros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/05/2022