A Xunta destaca que unha das finalidades da estratexia naval é aproveitar as oportunidades que se van xerar ao redor da innovación, a sustentabilidade e o talento

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta mañá con representantes de Aclunaga e Asime en Vigo para avanzar na Estratexia naval 2022-2026

Subliña que participar no Perte do naval sería un fito clave para impulsar a transformación dixital e sustentable da cadea de valor do sector en Galicia

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 23 de maio de 2022.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta mañá en Vigo con representantes de Aclunaga e Asime para avanzar na Estratexia naval 2022-2026 co obxectivo de seguir incorporando as achegas do sector. Na súa intervención destacou que unha das finalidades desta folla de ruta é aproveitar as oportunidades que se van xerar ao redor da innovación, a sustentabilidade e o talento.

 

O vicepresidente primeiro explicou que a Estratexia debe recoller medidas e accións que impulsen a recuperación e o crecemento desta industria que en Galicia suma más de 290 empresas, 26.000 postos de traballo directos e indirectos e que xera uns ingresos de 2100 millóns de euros -o 3,5% do PIB-.

 

O obxectivo é que este sector poida aproveitar as oportunidades que ofrece a dixitalización, a innovación, a sustentabilidade e o talento máis a formación para que a industria naval galega siga sendo un referente. Para conseguilo, desde a Xunta de Galicia apoiarase o financiamento, apostarase pola diversificación para estimular a demanda e traballarase para facilitar unha contorna favorable para o desenvolvemento de novos proxectos. Neste sentido, é necesario afondar na cooperación entre estaleiros tanto para xerar sinerxías como modelos de produción colaborativos.

 

Conde tamén se referiu aos fondos europeos e explicou que poder participar no Perte do naval sería un fito clave para impulsar a transformación dixital e sustentable da cadea de valor do sector en Galicia. Por este motivo, o apoio de Asime e Aclunaga é fundamental para definir accións que se axusten aos fondos.

 
 
 
Automoción

Por outra banda, Conde lamentou que o Perte da automoción estableza uns criterios en canto a prazos e intensidade de axudas que fan que Stellantis non poida concorrer nin ter a posibilidade de captar fondos europeos por esta vía, o que implica que perda a capacidade de seguir desenvolvendo novos modelos de vehículos. Neste sentido, incidiu na importancia de deseñar medidas de apoio para os sectores nas que se teña en conta tanto ao propio sector como ás comunidades autónomas.

 

Por iso, Conde lembrou que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, solicitou ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, unha reunión onde un dos temas prioritarios é a automoción, co obxectivo de identificar medidas que permitan tanto a Stellantis como outros fabricantes poder competir en igualdade de condicións. Tamén pediu a convocatoria da mesa da automoción para que o Executivo central poida explicar que criterios se están establecendo para o acceso ás axudas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/05/2022