A Xunta apoia a flexibilización horaria nas empresas a través da liña de axudas dirixida a pemes e autónomos, á que destina este ano 1,4 M€

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, visitou hoxe a firma téxtil viguesa Paz Rodríguez, que o ano pasado recibiu 11.000 euros da Xunta para implantar medidas de flexibilidade laboral

A Xunta está a impulsar os plans de igualdade nas empresas galegas, así como a activación de medidas de conciliación e de responsabilidade social
 

Vigo, 23 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, visitou as dependencias da firma de confección téxtil viguesa Paz Rodríguez, que puxo como exemplo das medidas de igualdade laboral que a Xunta promove a través da liña para pemes e autónomos á que este ano destina 1,4M€, co obxectivo de contribuír á conciliación e á implantación de medidas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE).

Mancha puxo en valor a firme aposta que o Goberno galego, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, está a realizar a prol da implantación de medidas de igualdade laboral nas empresas, tanto a través do impulso da flexibilización horaria, dos plans de igualdade ou da loita contra o acoso laboral e a prevención de riscos en clave de xénero; como do fomento da empregabilidade feminina, o emprendemento de mulleres e da corresponsabilidade nas familias.

“Paz Rodríguez é una empresa que aposta pola flexibilidade como mecanismo de racionalización dos horarios de traballo e as xornadas, que permiten a conciliación da vida laboral coa persoal e familiar e o exercicio dos deberes de corresponsabilidade nas obrigas de coidados a familiares”, indicou Mancha.  

A Xunta destina este ano 1,4 millóns de euros para axudar ás pemes e persoas traballadoras autónomas con persoal contratado a promover a igualdade laboral, favorecer a conciliación e promover a Responsabilidade Social Empresarial (RSE). A través deste programa en 2021 concedéronse 273 axudas.

A firma viguesa, que está a piques de rematar o seu plan de igualdade, recibiu o  ano pasado unha axuda da Xunta por valor de 11.000 euros para axudar á adopción de medidas de igualdade laboral como a creación dunha bolsa de horas para que as persoas traballadoras poidan coller días libres ou optar a reducións de xornada; coa flexibilización de dúas horas do horario laboral para o coidado de fillos e fillas menores de 14 anos; permisos de 20 horas para asistir a consultas médicas, horarios de entrada e saída flexibles e medidas para distribución de xornadas de xeito irregular.

Paz Rodríguez conta con 50 anos de traxectoria. Na actualidade comercializa os seus produtos textís en mercados como Italia, Portugal, Reino Unido e México. A compañía conta cunha fábrica propia en Vigo, na que emprega un total de oitenta persoas. Ademais dispón de talleres externos na comunidade, a través dos que xera emprego indirecto.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/05/2022