Rosa Quintana enxalza o libro ‘A super_acción de Mauricio’ no seu labor de normalizar as enfermidades mentais co mundo mariño como escenario principal

Cervo (Lugo), 23 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación do libro A Super_Acción de Mauricio, creado pola Asociación de Saúde Mental A Mariña ao abeiro do proxecto Sabores do mar, saboreando a vida apoiado pola Xunta de Galicia a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal. Alí a responsable autonómica destacou que este conto constitúe a primeira obra literaria sobre saúde mental en Galicia e que está creada integramente por persoas con enfermidade mental. Neste sentido, puxo en valor que se trata dun “canto á diversidade” e que supón todo un exemplo para os máis pequenos.

A Super_Acción de Mauricio é a historia dun rapaz de Viveiro que embarca en Burela para a captura da pescada e que, estando en alta mar, sofre un brote psicótico e comeza a falar co peixe. Nace co obxectivo de normalizar o padecemento dunha enfermidade mental e eliminar prexuízos ao mesmo tempo que se enxalza o mundo mariño e a calidade dos seus produtos. “É a posta en valor do noso mar como o escenario perfecto para sensibilizar sobre os coidados que precisa a nosa mente e abordar un tema considerado aínda tabú que é preciso visibilizar”, destacou Rosa Quintana.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 23/05/2022