A Xunta destaca en Piñor os valores da industria forestal galega: compromiso co territorio e sustentabilidade

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións da empresa Maderas Gómez

O Goberno galego agarda que o proxecto da fábrica de fibras téxtiles xere novas oportunidades para toda Galicia

Compartir
  • whatsapp

Piñor (Ourense), 24 de maio de 2022.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións de Maderas Gómez en Piñor -un dos 66 concellos emprendedores da provincia de Ourense-, onde destacou os valores da industria forestal galega: compromiso co territorio e sustentabilidade.

 

A compañía, que conta con 117 empregados e factura 13,9 millóns de euros, prima en todos os seus procesos madeira quilómetro cero, procedente da contorna. Ademais, no seu compromiso pola sustentabilidade e a eficiencia enerxética, dispón de caldeiras de biomasa e paneis fotovoltaicos.

 

Conde subliñou que a Xunta quere estar ao carón das empresas do sector forestal impulsando unha industria sustentable e estratéxica, comprometida co medio rural e o emprego e que faga máis produtivo o monte. Por iso, a Axencia Galega da Industria Forestal estase centrando na modernización do sector; na busca de valor engadido a través da innovación, a formación e a promoción dos novos usos da madeira; e no impulso da economía circular. Así, as liñas de axuda postas en marcha o pasado ano chegaron a 143 empresas e asociacións e mobilizaron 37M€.

 

A Xunta conta tamén coa Axenda da Industria Forestal 2022-2024 para seguir apostando por esta industria composta por 3000 empresas que, como Maderas Gómez, xeran riqueza e representan o 12% do emprego industrial e o 1,8% do PIB galego.

 

Conde lembrou a oportunidade que para este sector suporán os fondos Next Generation e referiuse ao proxecto de fibras téxtiles de Palas de Rei que suporá un antes e despois para a provincia de Lugo pero tamén para concellos que, como Piñor e o resto da comarca do Carballiño, están próximos, xa que se calcula que as pemes representarán o 65% dos provedores da nova fábrica.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/05/2022