A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, explicou hoxe as novidades

A Xunta presenta o novo campo de voluntariado que se realizará este ano en Sanxenxo

Terá lugar no mes de agosto e consistirá en actividades de coidado medioambiental, localización de residuos e a recollida dos mesmos en embarcacións tipo kaiak e SUP

Visitou ademais o IES de Sanxenxo, onde se realizou un obradoiro dentro do pro-grama Quérote+ sobre imaxe corporal

Compartir
  • whatsapp

Sanxenxo (Pontevedra), 24 de maio de 2022.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou o novo campo de voluntariado que se realizará este ano no concello de Sanxenxo, unha das novidades da campaña de verán para este ano 2022.

 

A directora xeral lembrou que nesta edición a Xunta pon a disposición 45 campos de voluntariado diferentes destinados a persoas de entre 18 e 30 anos. En Sanxenxo, o campo de voluntariado Centinelas do mar realizarase durante o mes de agosto e conta cun total de 15 prazas. Estará centrado no coidado medioambiental, localización de residuos e recollida dos mesmos en embarcacións tipo kaiak e SUP.

 

Cristina Pichel tamén destacou que a oferta da campaña de verán para este ano é a máis alta da historia, ao contar con máis de 10.800 prazas, tres mil máis que o ano pasado e mil máis que antes da pandemia. O prazo de solicitude aínda está aberto tanto para os campamentos como para os campos de voluntariado e accesible na páxina web de xuventude.

 

Obradoiro sobre imaxe corporal

A directora xeral tamén se achegou esta mañá durante a súa vista ao concello de Sanxenxo ao IES de Sanxenxo onde esta mañá se realizou un obradoiro do programa Quérote+ para concienciar ao alumnado sobre a imaxe corporal. Cristina Pichel puxo en valor estes programas nos que participaron este curso académico preto de 10.000 alumnas e alumnos de toda Galicia de preto de 450 centros diferentes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/05/2022