A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, achegouse hoxe ata o local no que se porá en marcha este novo servizo de protección no concello lucense

A Xunta anuncia a creación dun punto de encontro familiar na comarca da Mariña, situado no Concello de Cervo

Este será o noveno servizo desta índole da rede autonómica, que actualmente está composta polos puntos de encontro familiar das sete cidades e por un oitavo en Ri-beira

As instalacións darán cobertura a toda a comarca, máis de 70.000 veciñas e veciños, en caso de precisalo
 

Compartir
  • whatsapp

Cervo (Lugo), 24 de maio de 2022.- A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou hoxe durante a súa visita ao concello de Cervo que a Xunta de Galicia poñerá en marcha un novo Punto de Encontro Familiar na localidade. Este servizo, que dará cobertura a toda a comarca da Mariña, será o noveno da rede autonómica, que actualmente está composta polos puntos de encontro familiar das sete cidades galegas e por un oitavo en Ribeira.

 

Fabiola García sinalou que os Puntos de Encontro Familiar constitúen un servizo fundamental para as familias e moi especialmente para as nenas e nenos que se atopan en risco de desprotección. Esta instalación, que foi a antiga casa consistorial do Concello, ofrece un lugar neutral e seguro para realizar as visitas establecidas por lei dentro dun proceso de separación, e estará lista no ano 2023.

 

Neste sentido, a conselleira explicou que este novo centro, moi demandando na comarca, dará cobertura aos máis de 15 concellos que forman a Mariña e, no caso de ser necesario, tamén podería dar servizo aos concellos próximos, aínda que non formen parte da comarca. Deste xeito, os veciños da zona non terán que desprazarse máis de 200 quilómetros ata Lugo para realizar as visitas establecidas polo réxime xudicial.

 

Ademais, Fabiola García subliñou que o Goberno galego continuará ampliando a extensión dos Puntos de Encontro Familiar para garantir este servizo nas comarcas máis poboadas da comunidade. Así, procúrase chegar a un total de 14 centros por toda Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/05/2022