A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia e delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, selaron vía telemática o convenio de cooperación

A Xunta colabora na promoción do Museo Galego do Ferrocarril, en Monforte de Lemos, cunha achega de 30.000 euros

O acordo ten como obxectivo o mantemento do patrimonio industrial ferroviario do museo, promocionar as actividades de exhibición dos seus fondos e difundir os beneficios socioeconómicos e medioambientais deste medio de transporte

Este convenio estará vixente ata o vindeiro 31 de decembro e financiará as actividades realizadas desde o 1 de xaneiro deste ano

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia e delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asinaron o convenio de colaboración para promocionar o Museo Galego do Ferrocarril, en Monforte de Lemos, cunha achega de 30.000 euros neste ano por parte da Xunta.

O convenio de colaboración foi selado vía telemática e estará vixente ata o vindeiro 31 de decembro, incluíndo a financiación das actividades realizadas desde o 1 de xaneiro deste ano.

Mediante este acordo a Xunta apoia o mantemento do Museo Galego do Ferrocarril, que alberga un importante patrimonio industrial ferroviario, e a promoción das actividades de exhibición dos seus fondos materiais.

Neste marco de promoción do museo, inclúense tamén actividades de divulgación do patrimonio que alberga o museo entre a sociedade, xunto co fomento do ferrocarril como modo de transporte sustentable.

Ademais do esforzo que nos últimos anos a Xunta está a levar a cabo na planificación e execución da oferta intermodal de transporte na Comunidade e das infraestruturas do transporte de viaxeiros en colaboración coas distintas administracións públicas, o Goberno galego tamén é consciente da importancia de conservar e preservar elementos tradicionais representativos dos diferentes modos de transporte e, máis concretamente, do transporte ferroviario.

Deste xeito, mediante o convenio asinado hoxe o departamento que dirixe Ethel Vázquez busca garantir o mantemento do patrimonio do museo cara ao futuro e difundir os beneficios socioeconómicos e medioambientais deste medio de transporte.

Data de actualización: 24/05/2022