A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe un dos autobuses desta iniciativa

Fabiola García destaca o éxito do programa Coidados Porta a Porta, que atendeu a 4.700 persoas en dous meses

Na provincia de Lugo este servizo chegou a 18 concellos e atendeu a un total de 1300 persoas

A Pastoriza (Lugo), 24 de maio de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta, Javier Arias, visitou o autobús do Programa de Coidados Porta a Porta que está na Pastoriza. Alí destacou o éxito da iniciativa que en tan só dous meses atendeu de xeito gratuíto a máis de 4700 persoas maiores de 55 anos nos servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.

 

Nesta liña, Fabiola García recordou que en 2019, cando se puxo en marcha unha experiencia piloto deste programa, xa tivo unha moi boa acollida, polo que este ano decidiuse multiplicar por quince a súa extensión. Desta maneira, oito autobuses equipados percorren todos os concellos da Comunidade (dous por provincia), agás as sete cidades.

 

Así mesmo, a conselleira concretou que na provincia de Lugo este servizo xa chegou a 18 concellos e atendeu a un total de 1300 persoas. O autocar, emprazado na Praza do Concelo, chegou á Pastoriza o pasado xoves e hoxe é o seu último día.

 

Dez millóns de euros

A Xunta de Galicia investirá 10 millóns de euros nesta iniciativa pioneira, que permitirá achegar a todas as galegas e galegos revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas de xeito gratuíto.

 

Servizos de proximidade

Fabiola García subliñou que o Goberno galego pon á disposición das persoas maiores dos concellos de menos habitantes servizo que lles permitan continuar vivindo na súa casa, se así o desexan. Nesta senso, puxo en valor iniciativas como o Servizo de Axuda do Fogar, do que se benefician máis de 24.000 persoas; Xantar na casa, que leva menús semanais, sans e equilibrados aos fogares de máis de 1800 galegos; ou do servizo de teleasistencia que permite ás persoas maiores sexan atendidas con tan só apretar un botón.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/05/2022